Óscar Ibáñez, Berrogüetto, Luar na Lubre, The Elders e Finnegan, en Ortigueira 2011

PONTEVEDRA. O Ano da Música marcará a XXVII edición do Festival Internacional do Mundo Celta, que cada ano organiza o concello de Ortigueira e que este ano subirá ao escenario a nomes como Luar na Lubre, Berrogüetto, Brian Finnegan ou The Elders. Tamén estará o pontevedrés Óscar Ibáñez, que se estrenará no espectáculo xunto coa súa banda, Tribo.

O reto, ademais, é chegar aos 90.000 visitantes, segundo asegurou o alcalde da localidade lucense, Rafael Girón.

Como se apuntou onte na presentación do festival a través de videoconferencia, serán, dende o 7 ao 10 de xullo, tres días de concertos e unha xornada final, a modo de peche, co tradicional desfile que, neste ano, irmandará nas rúas de Ortigueira a centos de gaiteiros do país.

O Escenario Estrella Galicia acollerá un total de 15 directos (cinco por noite), todos eles de entrada libre, de artistas procedentes de máis de media ducia de países.

Óscar Ibáñez tocará xunto con Tribo o xoves 7 de xullo ás 21.30 horas. Non é a primeira vez que se sube a este escenario, xa que xa actuara hai dous anos acompañando a Faltriqueira, pero si que se estreará coa súa propia banda, Tribo. Nesta edición aproveitarán para tocar algúns temas do seu novo disco, que se presentará oficialmente despois do verán.

A experiencia con maiúsculas de Berrogüetto (o venres 8 de xullo); o envolvente proxecto en solitario do virtuoso frautista irlandés Brian Finnegan (o venres), integrante da extinta Flook; os clásicos Luar na lubre (o sábado 9 de xullo), os enérxicos The Elders (o sábado) e un dos anovadores da música bretoa, David Pasquet (o venres 8 de xullo), emerxen como cabezas de cartel dunha edición na que, como sempre, haberá espazo reservado para as bandas de gaitas e máis para as actividades paralelas: a exposición fotográfica ‘Ortigueira X’ de Kiko Delgado, a feira de artesanía e os obradoiros, entre outras.

Dado o complicado contexto económico, a organización terá que facer un esforzo extra para optimizar os operativos de anos anteriores en materia de limpeza, seguridade, sanidade e transporte, co obxectivo de canalizar a “invasión” da pequena localidade costeira coruñesa de pouco máis de 7.000 habitantes por parte de milleiros de ‘folkies’.

O piñeiral da praia de Morouzos, un lugar privilexiado dentro da Ría de Ortigueira- Ladrido, volverá converterse por unhas xornadas na oitava cidade de Galicia en poboación.

500.000 euros

A organización disporá, para todo iso, dun orzamento máis axustado que nas últimas edicións (ao redor de 500.000 euros) e, como de costume, lonxe das cifras astronómicas dos eventos que lideran xunto ao de Ortigueira a táboa dos festivais máis concorridos de España.

O alcalde de Ortigueira lembrou que gran parte do éxito do certame se debe á hospitalidade dos veciños da localidade cos milleiros de mozos de todo o mundo.

Comentarios