Óscar Pereiro abandona a Vuelta por
unha gastroenterite

O ciclista galego Óscar Pereiro tivo que retirarse da Vuelta a España despois de que a gastroenterite que arrastraba nos dous últimos días acabara coa súa resistencia. O de Mos non puido pasar do primeiro porto, Monrepós, de segunda categoría.

Pereiro asegurou que tomaba hoxe a saída "para probarme", xa que o virus intestinal que padece fixérao chegar tarde á contrarreloxo de onte, onde saíu con 20 segundos de atraso. Nas primeiras rampas de Monrepós, o segundo clasificado do Tour de Francia xa perdía máis de 10 minutos con respecto ó pelotón de favoritos.

"Fixen nove grandes voltas e é a primeira vez que me teño que retirar", declarou o galego, "pero para dar pena, é mellor irse e descansar". O xefe de filas do equipo Caisse d'Epargne lamenta a súa mala sorte, pero asegura que "a vida segue e isto é só deporte".

Ezequiel Mosquera, terceiro na etapa
O Karpin Galicia, pola contra, non pode queixarse da primeira Vuelta Ciclista a España na que participa. O seu xefe de filas, Ezequiel Mosquera, chegou de terceiro á meta, na estación de esquí de Cerler, e nestes momentos é o quinto na clasificación xeral, a 4:02 minutos do líder, Denis Menchov.

O Karpin Galicia foi o cuarto mellor equipo na etapa de hoxe, e atópase no oitavo lugar na clasificación xeral por equipos.

Comentarios