Pablo Alborán leva vendidas 4.000 entradas para o concerto de Pontevedra

PON2606P10F2.JPG
photo_camera PON2606P10F2.JPG

PONTEVEDRA. Pablo Alborán leva vendidas arredor de 4.000 entradas para o seu concerto do mes de setembro en Pontevedra. Anunciárono onte a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e o responsable da promotora Esmerarte, Joaquín Martínez, que lembraron que é o único concerto que o artista de Málaga dará no sur de Galicia. «Dentro da súa xira só ten previsto ofrecer outro na Coruña», sinalou Martínez.

Alborán actuará en Pontevedra o 11 de setembro dentro da súa xira ‘Terral’. Volve desta maneira á cidade, despois do seu paso polo Pazo da Cultura en 2012, convertido nunha estrela internacional cunha forte pegada en Latinoamérica, para dar un concerto na explanada do Recinto Feiral. «Había tempo que non faciamos un concerto neste espazo e pensamos que era unha boa forma de retomalo», contou a concelleira de Cultura. «Nós pensamos que Pontevedra está moi ben situada estratexicamente e que este espazo do Recinto Feiral ten moitas posibilidades. Hai que recuperalo e facer máis cousas aí», engadiu Joaquín Martínez.

As entradas para o concerto, que terá un aforo de 8.000 persoas, están á venda en Ticketmaster e Ticketea a un prezo de 25 euros. O Pazo da Cultura porá en marcha, ademais, sorteos de entradas a través do seu Facebook.

«Estamos falando dun rapaz de 25 anos con tres álbumes no mercado e 32 discos de platino», dixo Martínez. «Esta é sen dúbida a xira do ano».

Comentarios