"Para min o Liceo Mutante éo todo en Pontevedra"

O realizador Álvaro Larriba estrea este xoves, no ciclo 'Cinema no xardín', 'Mutantes', un documental no que retrata o día a día do espazo cultural autoxestionado de Rosalía de Castro
Álvaro Larriba, á dereita, gravando durante un concerto na sede do colectivo pontevedrés
photo_camera Álvaro Larriba, á dereita, gravando durante un concerto na sede do colectivo pontevedrés

"Foi, se cadra, o ano máis difícil que viviu esta asociación", explica o Liceo Mutante sobre o 2016. O espazo cultural autoxestionado da rúa Rosalía de Castro celebraba o seu quinto aniversario entre problemas estruturais, por exemplo unhas pingueiras na sala de concertos, que levaron a repensar a continuidade do proxecto. Nese contexto, un dos socios, Álvaro Larriba (Pontevedra, 1991) comeza a gravar o que é o día a día do colectivo. O resultado é Mutantes, o documental que se estrea este xoves no propio Liceo (22.30 horas), dentro do ciclo Cinema no xardín, que se realiza en colaboración co cineclub.

"A idea estaba aí dende había tempo", conta Álvaro Larriba a través do correo electrónico. "Quería facer algo no que se reflectise o funcionamento interno da asociación, porque as cousas que se fixeran ata agora sobre o Liceo Mutante eran máis ben informativas, para dar a coñecer o lugar, ou reinvindicativas", explica o realizador, que estudou Comunicación Audiovisual en Pontevedra e que debuta oficialmente no audiovisual con este traballo, despois de asinar algunhas pezas de corte experimental. "Aproveitei que tiña que facer o meu traballo de fin de grao e foi a escusa perfecta para lanzarme a gravar".

Larriba comezou a recoller imaxes para Mutantes en xaneiro de 2016. Seguiuno facendo ata o mes de agosto dese mesmo ano. "En outubro presentei unha versión provisional para o traballo de fin de grao e agora presento a versión final no xardín do Liceo Mutante. Mellor imposible".

"Esta é unha película moi humilde e amateur", conta o autor, que cargou ás súas costas co proceso completo de realización do documental

Todo o traballo recaeu sobre as súas costas. "Menos en dúas ocasións, durante o primeiro mes de gravación, que me axudou a miña moza como segunda cámara, o resto do proceso fíxeno eu enteiro", explica o autor. "É unha película moi humilde e amateur, que para min é algo positivo e necesario para poder traballar a gusto".

OBSERVACIONAL. O obxectivo de Larriba era retratar o día a día dunha asociación como o Liceo Mutante. "É unha película principalmente observacional, así que o resultado é un retrato do funcionamento interno da asociación e da relación entre as persoas que traballan por ela". Sen edulcorar. "Tamén é, nalgúns momentos, un exercicio de autocrítica, porque non todo é sempre marabilloso cando se traballa dunha forma asociativa e informal coma esta".

Pese aos problemas que poden xurdir nun espazo autoxestionado, para o realizador, o colectivo é fundamental na vida cultural da cidade. "Para min o Liceo Mutante éo todo en Pontevedra", di. "Formo parte da asociación case dende o principio e fun sempre o membro máis novo do núcleo duro de traballo, polo que tiven a oportunidade de aprender moito dos meus compañeiros".

O momento presente, segundo di, está marcado polo relevo xeracional. "Agora hai un grupo de rapaces novos que están traballando a tope. Entraron despois de que acabara de gravar a peli. Hai futuro!", comenta. "A particularidade do Liceo Mutante pasa porque está formado por un grupo de persoas que se xuntan para desenvolver un espazo cultural e poder traer a Pontevedra propostas que doutra forma dificilmente terían cabida na cidade".

Convertido hoxe nun lugar de referencia da cultura alternativa en Galicia, para Larriba está tan integrado na rutina da vila que non concibe a súa desaparición. "Sempre fan falta máis espazos coma este. Ogallá algún día haxa un espazo cultural autoxestionado en cada vila". Polo de agora, ao mesmo tempo que eles en Pontevedra, hai grupos de traballo parecidos en Vigo e na Coruña. "Por sorte non estamos sós en Galicia: está o Distrito 09 en Vigo e a Nave 1839 na Coruña".

Descubriu algo novo mentres gravada o documental, algo que quizais non agardaba?. "Descubrir, pouco, porque foi como gravar a miña casa, pero foi curioso, sobre todo os primeiros meses, o intimidados que se sentían pola cámara as persoas coas que levaba seis anos traballando".

Comentarios