Paren, que se baixan

Este sábado, que tiña menos plan que Rafa Mora nun congreso de literatura, púxenme a ver como daba voltas a Noria e comprobei in situ que o que nun principio semellaba unha ameaza dos anunciantes segue sendo unha realidade. Xa sabe que desde que no programa quixeron dar voz e cartos á nai do Cuco, un dos implicados no asasinato de Marta del Castillo, varias empresas decidiron retirar todo tipo de publicidade do programa ata que finalmente case ningún anunciante quixo que se identificase a súa imaxe co espazo televisivo. Nun primeiro momento a cadea optou pola estratexia do silencio, aínda que despois tomou a decisión de retirar da súa grella dous dos seus espazos máis problemáticos, Resistiré ¿Vale? e Inimigos Íntimos, ante a ameaza de que as empresas puidesen propagar a súa decisión e mesmo retirar anuncios do actual buque insignia da cadea, Sálvame.

Este é o típico exemplo de broma pesada que non fai graza. Non serei eu quen determine que é telelixo nin que non o é, pero unha cousa está clara: todos temos un mando na man que nos permite ver o que queremos, así que se interesa se Amor ten pito ou non, pois é respectable a xente á que lle interesa; agora ben, o que non é respectable é que se entreviste asasinos, ladróns, maltratadores ou violadores, e menos aínda baixo a escusa de que poidan declarar algo máis do que fixeron perante a xustiza. Ademais, en época de crise, as empresas non están para chistes e non van tolerar que unha ameaza poida derivar nunha debilidade e, por iso, ante as opcións de que te vexan moitos e mal ou que non te vexa ninguén nin para ben nin para mal, sempre resulta mellor o de paxaro man e non cento voando. 

Comentarios