Aumenta en 12 obras a participación no segundo certame de curtas D-Medo

O concello de Barro realizou este concurso no que se repartiron seis premios a obras de gran calidade
Personalidades políticas e membros do xurado do concurso de curtas D-Medo
photo_camera Personalidades políticas e membros do xurado do concurso de curtas D-Medo

O Concello de Barro celebrou por todo o alto a noite de Samaín co seu Festival D-Medo, que contiña unha programación destinada a todos os públicos e que acadou unha moi boa asistencia por parte do público.

Unha das actividades que causou unha maior expectación foi o concurso de curtas, que aumentou considerablemente a súa participación, xa que de catro pezas presentadas na primeira edición pasouse a 16. A partir das 22.00 horas comezouse coa entrega de premios por parte do xurado, os que resaltaron a calidade destacable das obras, tanto das que proviñan do mundo audiovisual como as que foron realizadas polos veciños do lugar. Os habitantes de Barro animáronse a participar neste concurso, algo que o proba é que tres dos premios foron destinados a creadores locais. A esta cita acudiron o alcalde, Xosé Manuel Fernández; o tenente de alcalde, José Sanmartín, e o deputado Xosé Leal.

En total, houbo cinco distincións do xurado: o primeiro premio foi para Umbra con 300 euros; o segundo para Ser ou non ser cun teléfono, catro cargadores e catro chaves USB; o terceiro para Noite escurecida con cinco pases para as termas de Cuntis; o cuarto para Ataque zombi cun vale de 75 euros para compra nos supermercados Froiz e o quinto para Fío cunha cea no bar A Fonte. Tamén se fixo entrega dun galardón do público para Terrores nocturnos con cinco tabletas.

Comentarios