Pasou esta semana

Televisivamente falando aos españois interésanos moito máis ver caer a Falete nunha piscina que o anuncio da morte de Hugo Chávez. De feito, sempre tivemos un pouco de fama de que nos gusta tirarnos á piscina sen estarmos seguros de que teña auga e, por iso, só ese motivo pode explicar que un 41% da cota de pantalla (2.241.000 televidentes) se decantase polo insólito splash de Falete, mentres que un día despois arredor duns 356.000 espectadores se congregasen ante as pantallas no comunicado de Nicolás Maduro, o que, doutra banda, constitúe un éxito de audiencia para a canle 24 horas. Falete acaparou o desexado minuto de ouro na noite do luns e na do martes o metal levouno a clasificación do Real Madrid para cuartos da Champions en La 1, un encontro seguido por case dez millóns de persoas.

O mesmo peso de Falete en ouro pagaría Telecinco para que o seu Gran Hermano no remonta fose quen de inundar a estrea da gran piscina de Antena 3, que entrou coma mesma forza que un tsunami na grella televisiva. De nada lle serviu ao equipo da Milá botarlle a reprimenda en directo a un concursante nin meter na casa a unha moza con trazas de ser cornuda -e que previamente pasara pola caixa de Interviú- porque media España quedou prendida aos flotadores de Toñi Salazar, pois xa se sabe que son cousas que solo se viven una vez.

O próximo mércores a canle de Mediaset vai estrear Mira quién salta cambiando a Falete por Beatriz Trapote, así que, nós, os españois de fútbol e piscina, teremos dous programas case idénticos en diferente canle. ¿Atreveranse os programadores a enfrontalos no mesmo día? ¿Conseguirá a Milá que lle trasladen o programa para os xoves? A resposta témola no mando.

Comentarios