jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

A MÁIS NOVA. Paula Quinteiro: "Agora estarei dentro das institucións, pero levo moitos anos participando en política"

Paula Quinteiro Araújo (Vigo, 1990)
Paula Quinteiro Araújo (Vigo, 1990)
Paula Quinteiro Aroujo é a deputada máis nova no Parlamento. Enfermeira de profesión, relata de primeira man a situación de "precariedade" no Sergas, xa que di que acumulou "máis de 100 contratos" nun ano

¿Que diagnóstico fai do resultado?

Aínda estamos un pouco en ‘shock’. É evidente que a maioría de galegos e galegas quixeron que Feijóo revalidase a súa maioría absoluta pero En Marea é a primeira forza da oposición e temos 4 anos por diante para seguir traballando desde as institucións e desde a rúa.

¿Cre que En Marea se consolida como alternativa ao PP aínda que o sorpasso non fose tan claro?

Eu penso que si se consolida. Porque aínda que en escanos non se visibiliza, en votos superamos ao PSdeG, que ten máis traxectoria e historia. Nós, como quen di, acabamos de chegar. Con todo, hai que facer autocrítica e valorar o que puido fallar para que non nos votara máis xente.

Será a deputada máis nova no Hórreo. ¿Que espera desta etapa?

Levo moitos anos participando en política en diferentes espazos e agora vou facelo dentro das institucións, no Parlamento, pero compaxinándoo coa miña participación en mobilizacións e colectivos. Desde dentro intentarei transformar as institucións para que estean ao servizo da xente e deixen de ser un espazo no que só están políticos 20 anos ou máis.

Traballaba ata agora no Sergas, ¿que opina das denuncias sobre a temporalidade dos contratos?

A situación dos traballadores do Sergas viuse moi degradada nos últimos anos, con situacións de precariedade na maioría de contratos. Eu mesma acumulei máis de 100 no último ano. Hai que acabar con iso e no programa de En Marea levabamos moitas medidas ao respecto. Hai que convocar novas prazas porque falta persoal e son necesarias, e non utilizar a rotatividade. Ademais, eu traballei no Cunqueiro e a situación paréceme moi preocupante . A atención sanitaria que se pode desenvolver nesas condicións non é a adecuada.

¿Sobre este tema ilustrou aos seus compañeiros en primeira persoa?

Si, o programa de En Marea en sanidade, como no seu conxunto, fíxose de xeito colaborativo e neste eido tanto eu coma Eva Solla [tamén enfermeira] aportamos a nosa experiencia de primeira man.

Precisamente do seu grupo só Eva Solla repite como deputada en Pontevedra. ¿Xa lle deu algún consello?

Aínda non (risas). Hai moi boa relación entre nós e temos moitas ganas de comezar a traballar xuntas.

¿Está ilusionada ao mudar a bata de enfermeira polo escano?

Eu entendo a participación nas institucións como parte necesaria da miña participación política e afronto esta etapa con moita responsabilidade. Non me parece que sexa un mérito persoal, senón que estou aquí para representar voces colectivas, de algo pural e amplo.

A MÁIS NOVA. Paula Quinteiro: "Agora estarei dentro das...
Comentarios
ç