Pedro Ugarte e Manuel Rivas gañan os premios de xornalismo Caixanova

Manuel Rivas
photo_camera Manuel Rivas

Dous artigos publicados no xornal ‘El País’, nas súas edicións vasca e galega, recibiron onte os premios de xornalismo que convoca anualmente Caixanova. O Julio Camba,que se outorga a textos en castelán, foi para ‘La descendencia’, de Pedro Ugarte. O Francisco Fernández del Riego, para textos en galego, recaeu en ‘A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick’, de Manuel Rivas.

Así o anunciaron onte membros do xurado do certame e o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, en Pontevedra. O encargado de ler a acta foi o secretario dese xurado, Carlos Valle. Xunto a el estaban sentados Manuel Fernández Areal (vocal) e Alfredo Conde (presidente). Desculpouse a ausencia do outro vocal, Víctor Fernández Freixanes.

O Camba outorgouse por maioría e o Fernández del Riego por unanimidade. «Este é un xurado absolutamente libre e independente, que non recibe presións de ningún tipo», contestou Alfredo Conde á pregunta de se non se presentaban mulleres ao certame. «Eu o que leo son artigos e tanto me dá se os asina un home ou unha muller, un de esquerdas ou un de dereitas, un católico ou un budista».

O presidente do xurado presumíu de que os galardóns de Caixanova non teñen nada que ver con outros de xornalismo que se outorgan en España, poñendo como exemplo o Mariano de Cavia (que outorga o xornal ABC) “e que está enfocado a xente que colabora no propio xornal ou a persoas afíns e que é practicamente imposible que se saia de aí”. Conde asegurou que o xurado que el preside «premia a quen lle dá a gana polo que lle dá a gana» aínda que recoñeceu que «este é un certame ao que hai que botarlle peito porque cada un concursa co seu propio nome e apelidos e co medio de comunicación no que publica».

Neste punto lembrou que o Camba ten caído ao longo das súas trinta edicións en xornalistas tanto de sona como absolutamente descoñecidos por artigos publicados en reputadas cabeceiras e noutras moito máis humildes. «Este mesmo ano gañou o Camba un artigo de El País pero estivo aí ata o final outro dun xornal que nin me lembro cal era». «La Tribuna de Cuenca», lle axudou Manuel Fernández Areal. «Iso é: La Tribuna de Cuenca».

Ao Camba e Fernández del Riego deste ano optaron 48 e 20 traballos respectivamente. No caso do traballo de Ugarte, Alfredo Conde falou dun artigo «moi na liña de Julio Camba», no que se reflexionaba sobre como hai uns anos estaba de moda nas tertulias referirse aos fillos adoptivos, agora aos sobriños e probablemente nun futuro non moi lonxano mesmo aos embrións de cada un.

Sobre o artigo de Manuel Rivas, Conde dixo que «máis alá da súa calidade literaria, como sería ocioso comentar falando de quen estamos a falar, hai que sinalar a súa importancia sociolóxica, histórica e mesmo política e a súa pertinencia ao coincidir a súa publicación cao decisión da Real Academia Galega de adicarlle o 17 de maio a don Ramón Piñeiro».

Os dous premios seránlle entregados aos gañadores nun acto público, nunha data por determinar das vindeiras semanas.

Comentarios