Pena de morte

Hai uns meses pedinlle aos meus alumnos un tema xenérico sobre o que traballar. Como sospeitaba, moitas das propostas eran as mesmas que eu indicaba hai xa vinte anos: aborto, pena de morte, ... 
Comprendín esta decisión dos estudantes. Tanto un tema coma o outro, están de actualidade constante. 
Hai un par de días, a pena de morte volveu ser portada nos principais medios de comunicación do mundo, despois de que souberamos que un reo agonizou durante dez minutos tras a inxección letal. A causa oficial desta tardanza na morte foi que faltaba un dos tres líquidos que se lle introducen ao condenado. Ocorrésenme varios calificativos para esta hipocrisía social, onde o importante parecen ser os dez minutos e non a morte en si. 
Intereseime polo tema e puiden comprobar que nos países onde hai pena de morte, existe unha relación proporcional entre o número de mortos «de xustiza» e a violencia social. Dito doutro xeito, a condena a morte non implica reducir a violencia o que día a día demostra a inutilidade deste sistema de aplicar xustiza. 
As causas que levan aos países a introducir o asasinato legal son do máis variopintas. No caso dos Estados Unidos, por unha concepción liberal da sociedade na que tan importante é o resarcimento do mal causado como a satisfacción da vítima. No caso da China, por unha concepción da disciplina social absolutamente radical e noutros países a morte enténdese como normal sempre e cando o delito o precise, como ocorre na India. 
Certamente non me interesan tanto as causas como as consecuencias. Si analizamos o tema desde un punto estritamente social, e non humano, poderiamos entender que esta medida tería sentido se a redución dos delitos fose espectacular. Pero iso non ocorre nunca. Por iso, o absurdo das condenas a morte é total. 
Xustamente cando analizaba o tema, comprobei como as condenas en España son das máis esixentes de Europa, e sen embargo os delitos non se reducen. Reputados xuristas insisten en que o «escarnio público» non está vinculado á dureza da pena, senón á rapidez na que se remata o proceso de investigación e xuízo e no resarcimento do mal causado. Penso que é certo. Se por exemplo, nun caso de corrupción, en vez de tardar cinco anos na instrución e outros cinco nos xulgados, se resolvese nun semestre, ou incluso un ano, a cousa cambiaría bastante. Se ao corrupto condenado se lle obrigase a pagar o dobre ou o triplo do estafado, estou seguro que as tentacións delituosas reduciríanse radicalmente. 
Sempre lembro, cando falo destes temas, o caso da queima de autobuses en Bibao nos anos máis duros da loita nas rúas entre os radicais independentistas e as forzas de seguridade. Polos anos oitenta todos os días ardía un autobús e cando se detiñan aos culpables, descubríase que eran menores de idade insolventes, polo que a multa e a indemnización nunca se executaba. No momento no que as leis vascas permitiron que os xuíces puidesen facer responsables subsidiarios aos pais dos rapaces, e polo tanto pagadores dos danos, a queima de autobuses cesou radicalmente. 
Moito máis eficaz isto, que matar a alguén.

Comentarios