Peque González Novoa: "Lores non é invencible"

Di que o futuro da coalición de esquerdas pasa por facer unha "oposición útil" e mantén que o Goberno local (BNG) poderá contar co apoio do seu grupo para os Orzamentos de 2018 sempre e cando se garantice a continuidade da renda social. "Marea non é 'anti' Bloque; é pro xente", subliña.
Peque González Novoa, nova coordinadora de Marea Pontevedra
photo_camera Peque González Novoa, nova coordinadora de Marea Pontevedra

SUBIUSE Ó proxecto de Marea dende os seus inicios. Peque González Novoa (Pontevedra, 1957), mestra de profesión, vén de asumir un novo papel dentro desta plataforma cidadá de esquerdas, o de coordinadora, un cargo que até o de agora ocupaba o tamén pontevedrés Xoán Hermida.

O seu nomeamento causou certa sorpresa fóra de Marea. Como se xurdiu a proposta?
A proposta e o acordo xorden da Coordinadora de Marea, da que formo parte dende os inicios. Entendo que foi unha sorpresa porque estamos habituados a que, nos partidos políticos tradicionais, calquera cambio de persoas se entenda como un problema. Non é o caso. Ada Colau, quen para min é un referente importantísimo, fala de feminizar a política. E feminizar a política non significa que sexa unha competición, senón traballar de maneira horizontal e non vertical. Para evitar calquera tipo de dúbidas, podo dicir que o mesmo núcleo de persoas que están na coordinadora de Marea Pontevedra seguirán dentro de este organismo. É dicir, que a persoa que anteriormente ocupaba a coordinación de Marea seguirá formando parte de Marea Pontevedra.

É dicir, que Marea Pontevedra non se cargou a Xoán Hermida...
En absoluto. Marea Pontevedra non podería cargarse a Xoán Hermida. Sería un erro pola nosa parte. É, simplemente, que unha persoa pasa a ocupar outro posto de coordinación nesa horizontalidade da que falaba.

Cando hai un relevo é porque algo ou alguén non funciona, non?
Non. Levamos ensaiando distintas dinámicas organizativas dende que comezamos. Probamos varias fórmulas. Somos unha organización nova, un espazo de confluencia e diverso. E o que noutros sitios pode parecer un relevo, para nós non o é. É difícil de entender, pero é así.

Os cambios no equipo: "Marea non podería cargarse a Xoán Hermida. É, simplemente, unha persoa que pasa a ocupar outro posto"

Cal é o futuro a curto e medio prazo de Marea?
A liña está marcada para nós. O ano pasado permitimos que o Goberno local puidera aprobar os orzamentos e establecemos unha liña de man tendida e de oposición útil. Iso marcou un antes e un despois. Para nós ese é o camiño. Seguimos tendo a man tendida ó Goberno municipal. Temos unhas pautas de colaboración e gustaríanos que o Goberno municipal puxera máis carne no asador.

É Lores invencible [a última enquisa electoral, de Sondaxe, sitúao por riba do resto de partidos]?
Non. Lores non é invencible. Non pode selo. Do contrario, sería considerar que a política e a democracia non serven. A nosa aposta é seguir traballando como ata o de agora para que nas vindeiras eleccións municipais Marea ocupe un espazo que xa ocupa no Parlamento galego ou en Madrid. E para que Luís Rei ou Marea Pontevedra chegue a gobernar a cidade.

É Luís Rei o mellor candidato que pode ter Marea para o 2019?
Non sei se é o mellor, pero Luís Rei é moi bo candidato. Somos un espazo que se rexe polos principios de radicalidade democrática. As primarias son un elemento obrigatorio e imprescindible para nós. Isto non variará.

Unha das liñas que Marea di defender é a remunicipalización de servizos públicos. En Pontevedra están privatizados e seguorán así. É unha batalla perdida?
Nós non pensamos que sexa unha batalla perdida. En absoluto. Sabemos que é difícil. Incriblemente, que un Goberno municipal que está conformado por un partido que a nivel nacional defende a municipalización dos servizos e que aquí non aposte por iso, senón polos servizos privatizados... Cremos que esa remunicipalización será posible nalgún momento.

As eleccións de 2019: "Non sei se é o mellor, pero Luís Rei (actual portavoz do grupo municipal de Marea) é moi bo candidato"

E que hai da renda social municipal [unha iniciativa xurdida do pacto orzamentario entre BNG e Marea]?
A renda social foi un asunto prioritario para tender pontes cara o Goberno municipal. Nós estamos poñendo todo da nosa parte para sacala adiante. E gustaríanos que, por parte deles, a nivel técnico e político, se deran máis facilidades.

Para este ano non chegará.
Confiemos en que si. Sei que é complexo, pero confiamos en que si. Estamos niso e moi implicados con este asunto.

Na recta final de ano tocará negociar os Orzamentos de 2018. Que postura terá Marea?
Dependerá de como sexan os Orzamentos e de como se cheguen a solventar todas as nosas apostas e compromisos adquiridos.

Que non pode faltar nas contas do ano que vén?
A renda social municipal.

Como ve a Marea en 2019 tralas eleccións municipais?
Nós viñemos para quedar. Cremos que cada vez temos un maior peso na cidade. O escenario de cara as municipiais será bo.

Ve factible un hipotético pacto entre BNG e Marea para formar goberno se os resultados son os que prognostican as enquisas [que o BNG precisaría alianzas para gobernar]?
Dependerá dos resultados e do plantexamento. Aínda que é certo que temos puntos en común, o BNG tería que cambiar moitas cousas.

É Marea 'anti' bloque?
Marea non é 'anti' Bloque; é pro xente.

Comentarios