Martes. 18.06.2019 |
El tiempo
Martes. 18.06.2019
El tiempo

Pequenas doses de 'Orozamenú gourmet' para os padais máis esixentes

Alumnos de Cociña e de Servizos e Restauración cociñaron en directo ante un auditorio de cen persoas que probaron os seus pratos
Alumnos de Cociña e de Servizos e Restauración cociñaron en directo ante un auditorio de cen persoas que probaron os seus pratos
Polbo arousana, lombo de porco celta e torta de queixo, maridados con tres cócteis, foron as propostas elaboradas con produtos da feira Etiqueta Negra no seu último día

Polbo arousana, confitura de Herbón e pesto do Oroza maridado cun cóctel Atardecer, elaborado con licor de mazá, sidra, cervexa e mazá deshidratada. De segundo, lombo de porco celta, crema de queixos e confitura de caqui aderezado cun smoothie de grelos e marmelada de sabugueiro e laranxa.

E, de sobremesa, unha torta de queixo con esferificacións de licor café e merengue de trompeta, acompañada cun cóctel Etiqueta negra, elaborado con licor de chocolate, licor café e cervexa Nasa.

Estas son as seis propostas que conformaron o Orozamenú gourmet, deseñado polo alumnado de 2º curso do CS de Dirección de Cociña Dual e do CM de Servizos de Restauración do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP Carlos Oroza).

Liderados polos profesores Francisco Rodríguez -tamén coñecido como Paco Moreno- e Carlos Rodríguez, convertéronse nos protagonistas da mañá en Etiqueta Negra, que pechou este luns as súas portas no Recinto Feiral de Pontevedra cun grande éxito de público e propostas innovadoras no eido gastronómico.

As receitas foron deseñadas e elaboradas polos propios estudantes e contaron coa aprobación do público que as degustou nas bancadas

Máis de 30 estudantes participaron neste showcooking, no que levaban traballando unhas tres semanas, desde que se coñeceron os produtores participantes na feira. "No ciclo superior pedímoslles a organización, control de custes e busca de produtos -explica Paco Moreno, profesor de Cociña-. Tamén teñen que aprender a estar en público, a dar a cara... Eu non me metín en nada". Así, esta actividade resultou "moi produtiva" xa que, ademais de poñer en práctica a cociña en directo diante dunha pantalla na que se podía ver o traballo ao detalle, o alumnado desenvolveuse diante dun auditorio de cen persoas que non só atenderon as súas explicacións, senón que, a continuación, probaron os manxares.

DELICIOSO. Uns máis nerviosos e outros como se tiveran falado en público toda a súa vida, explicaron paso a paso a elaboración da receita mentres os compañeiros a emprataban para a degustación por parte do público. Igual ocorreu cos cócteis.

Nas bancadas, ocupadas por compañeiros de instituto e familiares, pero tamén por periodistas, blogueiros e profesionais da gastronomía, as sensacións eran case unánimes. "Delicioso", "buenísimo"... Porque non todos os días se proban receitas con marmelada de pemento de Herbón, sidra ecolóxica, cóctel de grelos, puré de castaña, pétalos de flores ou esferificacións de licor café.

A terceira e última xornada da feira incluíu outro showcooking con degustación, a cargo dos integrantes do obradoiro de emprego Cociñas do Salnés.

Mentres, o público percorría os stands da feira, na que destacaban produtos novidosos, como a marmelada de sabugueiro, a crema de requeixo das Neves con chocolate branco e vainilla ou a cervexa de mirabel. Ao mesmo tempo, dado que a xornada estaba dirixida especialmente para os profesionais, pecháronse acordos de venda e distribución. Ademais destes produtos, na feira tamén tiveron presenza outros como embutidos, queixos, viños, licores, lamprea e gulas, xeados, infusións, etcétera, sen esquecer as food trucks.

Pequenas doses de 'Orozamenú gourmet' para os padais máis esixentes
Comentarios