Personajes relevantes recuerdan las vivencias y las anécdotas más destacadas de Manuel Fraga

Rigoroso e entregado ao traballo, pero tamén singular e retranqueiro, son moitas as vivencias e anéctotas que Manuel Fraga deixou na memoria dos seus achegados e coñecidos. LV. De Luns a Venres falou con algúns deles, que nos recordaron a súa obsesión pola puntualidade e sentido da austeridade. Tamén de como non paraba ata lograr o seu propósito, aínda que este implicara levarlle a contraria ao xefe de protocolo de Helmut Kohl a fin de que este non marchase de Galicia sen probar o noso polbo e mariscos. Xenio e figura, no lado máis humano e persoal descubrimos que a Fraga o perdían as vieiras do Vilas, e que na perruquería só pasaba o tempo xusto e necesario. Desde o cariño quen o tratou de cerca, velaquí algunhas das miles historias que deixou tras de si o León de Vilalba.

PACO VILAS, hostaleiro

''Na súa mesa nunca faltaban as vieiras e a empanada''
''Era moi fácil dar de comer a don Manuel'', recorda o xerente de Casa Vilas, o restaurante compostelán que durante anos foi ''a segunda casa'' do ex presidente da Xunta. ''A súa debilidade eran as vieiras e a empanada. Xa llas poñiamos na mesa, e iso que viña catro ou cinco días á semana; e logo case sempre tomaba peixe''. Ás veces, mentres agardaba pola persoa coa que quedara a comer, Fraga pedíalle a Paco que o acompañase a charlar. ''Falabamos de todo menos de política: caza, pesca... ¡ata me contaba chistes!'', recorda. Á historia pasarán as dúas comidas con Beiras, ''moi relaxadas, sen tiranteces'', así como as que tivo con Aznar.

PILAR CERNUDA, xornalista

''Vino por última vez hai tres semanas na súa casa''
A xornalista lembrou na Radio Galega que viu a Manuel Fraga por última vez hai tres semanas no seu piso de Madrid. Foi o día do debate de investidura de Rajoy. Pilar Cernuda atopou o ex presidente da Xunta ''moi lúcido, aínda que con poucas ganas de falar ao estar canso''. ''Recordo que me despedín e tiven a sensación de que non o volvería ver. Ulía moi ben e deille un bico'', recorda unha das xornalistas preferidas de Fraga, xunto con María Antonia Iglesias, segundo ten confesado el mesmo. Nese encontro, celebrado meses despois dun xantar que tiveran cun amigo común, o veterano político interesouse polo debate.

JOSÉ MANUEL TOURIÑO, perruqueiro

''Tiña un lado esquerdo moi difícil para cortarlle o pelo''


O que foi o seu perruqueiro en Santiago lembra con retranca que Fraga ''tiña un lado esquerdo moi difícil de cortar''. ''Falabamos pouco porque sempre viña con présa debido á apertada axenda que tiña'', afirma Touriño, quen engade que o ex presidente da Xunta ía cortar o pelo despois de comer. Recorda que a primeira vez que o atendeu ''non era capaz de cortarlle o pelo porque non paraba quedo. Traía un feixe de xornais e non deixaba de arrancar follas e poñelas no tocador''. Desde que marchou a Madrid fixéronme
unha reportaxe na que falaba del e el mandoume o recorte de prensa por correo, xunto cun libro seu dedicado'', conclúe.

VÍCTOR VÁZQUEZ PORTOMEÑE, político

''O seu espírito de aforro ás veces era case de rácanos''

O ex portavoz do Goberno e ex conselleiro de Cultura recorda ''desde o máis profundo dos respectos'' o espírito de aforro de don Manuel, ''que ás veces chegaba a ser case un rácano''. Rescata da memoria Vázquez Portomeñe o día que chegaron a Raxoi, onde había unha alfombra ''raída e con buratos''. ''Dixémoslle a Fraga que era conveniente cambiala ao ser a entrada ao despacho presidencial, pero negouse en redondo e a alfombra seguiu anos no sitio''. Noutra ocasión, pediu unha botelliña de auga e bebeu a metade, gardando o resto. ''Ao día seguinte, cando volveu ter sede, preguntou por ela e berroulle á da limpeza por tirarlla'', relata.
MANUELA LÓPEZ BESTEIRO, política

''Era impresionante a súa capacidade de traballo''

A ex conselleira afirma que nos dez anos que pasou ao lado de Fraga o que máis a impresionou foi'' a súa capacidade intelectual de traballo''. Como exemplo, conta a anécdota vivida cando Fraga preparaba o seu desembarco en Galicia. ''Fixemos unha radiografía global e eu, que era a presidenta da comisión de Educación, díxenlle que o que máis me preocupaba era saber como estaba a FP fóra da comunidade. Ao pouco empezáronme a chegar caixas enteiras con documentación en español, inglés e francés sobre a FP na UE. O máis sorprendente era que traía anotacións do seu puño e letra. El xa o revisara todo antes de mandarmo'', recorda.

HENRIQUE ALVARELLOS, editor

''Aceptou suxestións para que o seu libro saíse ben''

O autor das derradeiras memorias do ex presidente lembra que o coñeceu cando perdera o poder, ''polo que me atopei cun Fraga que xa tiña a misión cumprida''. A  cordialidade presidiu a relación entre o editor e o político, ''aberto a todo tipo de suxestións para que o libro saíse ben'', recorda Quique Alvarellos. ''Os nosos encontros sempre foron de traballo e Fraga foi moi correcto comigo''. Con especial cariño lembra a comida no Vilas coa que celebraron a presentación do libro, en abril de 2007. ''Nela estaba, entre outros, Fraga, a súa filla Carme, o seu sobriño, Pedro Puy, e Feijóo. Foi a comida máis interesante e grata que tiven como xornalista''.


AGUSTÍN BAAMONDE, deputado

''Fraga e o director do museo víanse vellos mutuamente''

O ex alcalde de Vilalba lembra a anécdota protagonizada polo ex presidente da Xunta e o ex director do museo de Vilalba, amigos persoais. ''Don José Ramil, aínda maior que Fraga, chegou un día ao meu despacho e díxome que viña de discutir co presidente polas dotacións do museo''. Espetoume: ''Fraga estase volvendo maior e non se quere dar de conta de que se está facendo maior''. Ao pouco, sóame o teléfono e era o presidente da Xunta, pedíndome se lle podía botar unha man Ramil, porque ''estase volvendo maior e non se quere dar de conta''. ''Eran dous rosmóns que non querían dar o brazo a torcer pero apreciábanse moito''.


ESTHER REGUEIRO, experta en protocolo

''Ata que Kohl probou o polbo e os mariscos non parou''


A ex directora xeral de Protocolo e Relacións Públicas da Xunta destaca que Fraga se preocupaba ''ata do último detalle e daba importancia a calquera acto. Por pequeno que fose, todo tiña que estar perfectamente organizado''. ¿A consigna? ''Combinar a austeridade co quedar ben''. Cando había visitas ''sabía elixir o viño adecuado e supervisaba o menú da comida''. Como cando visitou Galicia o chanceler alemán Helmut Kohl. ''Fraga estaba empeñado en que probase os mariscos e o polbo galego, pero o xefe de protocolo do alemán dicía que non lle ía gustar. Ao final, el saíu coa súa e Kohl quedou marabillado cos produtos galegos''.


FRANCISCO CACHARRO, político

''No 79 fomos a Madrid a evitar que deixase a política''

O ex presidente da Deputación de Lugo e un dos baróns fortes do PPdeG na era Fraga lembra con cariño aquela ocasión no 79 cando, tras uns malos resultados electorais, acudiu á sede do partido en Madrid ''para convencelo de que non deixase o partido, algo que estaba decidido a facer''. Xa en Galicia, recorda un mitin en Castroverde no que alguén lle sacou a relucir a Fraga un adversario, que era senador. ''El replicou que aquel era un político de segunda, porque estaba nunha Cámara de segunda. Entón viume a min, que daquela tamén era senador, e remendou sobre a marcha dicindo que había excepcións, claro”, lembra entre risas.

PEPE FERRÍN, fotógrafo

''Non tiña o márketing nin a pose dos políticos de hoxe''

''Manuel Fraga era un político sen márketing nin pose, a diferenza do que pasa hoxe en día, onde todo está estudado e preparado. A el tanto lle daba saír pingando que bailando cunhas mulatas en Brasil''. Así lembra Pepe Ferrín, fotógrafo da Axencia Galega de Noticias (AGN), o ex presidente ante a cámara. ''El non estaba pendente de que lle pillasen o lado bo. De feito, dada a súa puntualidade, se non chegabamos a tempo de retratar o apertón de mans de turno non o repetía''. Ferrín seguiu a Fraga nas súas viaxes. En Cuba, ''retrateino facéndolle unha queimada a Fidel Castro'', e en Libia ''buscamos a Gadafi, pero non o atopamos''.

Comentarios