Piden que as alfombras florais sexan Patrimonio Inmaterial da Humanidade

Ponteareas e outras vilas que manteñen a tradición tramitarán as solicitudes ante a Unesco, para o que contan co apoio da Deputación
Leal, Represas e Fernández, este luns, no Pazo Provincial
photo_camera Leal, Represas e Fernández, este luns, no Pazo Provincial

Conseguir que as alfombras de flores sean declaradas pola Unesco como Patrimonio Inmaterial da Humanidade é o obxectivo da iniciativa que este luns se presentou na Deputación de Pontevedra. Un dos encargados de encabezala é o Concello de Ponteareas, cuxas alfombras están entre as máis famosas de Galicia.

O seu alcalde, Xosé Represas, e a tenente de alcalde, Cristina Fernández, iniciaron este luns no Pazo Provincial unha xira que os levará polas cidades máis representativas do país para promocionar a súa festa do Corpus e explicar a iniciativa para solicitar que os tapices florais sexan declarados Patrimonio Inmaterial.

Xunto a eles estivo o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, quen manifestou o apoio da institución provincial «para que esta arte efémera, que vai máis aló da compoñente relixiosa, sexa recoñecida pola Unesco», dixo. "O que temos que fomentar é que se recoñeza a compoñente artística destas manifestacións para aproveitar que a representación que se fai nas diferentes vilas, nas estradas e a pé de asfalto, dean fe das diferenzas culturais das localidades nas que se levan a cabo".


Leal lembrou que só na provincia de Pontevedra se contabilizan 14 manifestacións de alfombras florais, se ben as máis coñecidas son as de Ponteareas, declaradas de Interese Turístico Internacional, e as de Bueu, que están en espera do recoñecemento de Interese Galego.

Precisamente, representantes destes dous municipios participaron no VI Congreso Internacional de Arte Efémera celebrado entre os días 13 e 15 de maio na cidade siciliana de Noto, onde se tomou a decisión de que cada localidade faga a solicitude individualmente para que se recollan as particularidades de cada manifestación por separado.

Tal e como explicou Represas, "desde cada localidade debe promoverse esta declaración, co apoio dos gobernos locais e supramunicipais e coa participación dos colectivos sociais e mestres alfombristas, para acadar finalmente unha declaración conxunta".

Os implicados esperan que este proceso, que se está iniciando, teña unha duración de dous anos e que remate nunha declaración positiva.

EN VINTE PAÍSES. As manifestacións de alfombras florais teñen arraigamento en 20 países con diferentes particularidades en cada un deles. De feito, o obxectivo final desta declaración de Patrimonio Inmaterial é, en palabras de Xosé Represas, 2salvagardar a tradición para que sexa transmitida ás xeracións vindeiras".

O rexedor de Ponteareas tamén aproveitou a súa comparecencia para facer un convite público para o día grande do Corpus, que se celebrará no seu municipio o vindeiro domingo día 29, se ben asegurou que "os alfombristas xa levan 15 días participando nos traballos previos á gran noite do sábado, que é cando se realizan as alfombras, e que é a noite na que ninguén durme en Ponteareas". O alcalde tamén lembrou que a dita celebración data do século XV e as primeiras alfombras documentadas son do século XIX, de hai 159 anos exactamente.

Comentarios