Pilar Rojo: ''As redes sociais convértense, ás veces, en camiño de sometemento''

A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, que esta tarde clausurou na sede da Cámara galega a xornada científica sobre Violencia de xénero entre adolescentes: as novas tecnoloxías como instrumento, organizada polo Valedor do Pobo, admitiu que “con estupor, observamos que as redes sociais, canle aberta e liberadora, se converten, ás veces en camiño de sometemento das parellas novas”.

Nesta liña, a titular do lexislativo galego observou que os fillos e fillas dunha xeración que no ocaso do século XX daba por feita a igualdade de xénero e que loitaron polo establecemento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral, “están inmersos nunha andaina de relacións asimétricas que conlevan unha nova lacra: a violencia de xénero”.

Os riscos dunha relación asimétrica
Advertiu Rojo Noguera que “unha relación asimétrica é incompatible co desenvolvemento persoal”, e insistiu en que “o sometemento pola forza física ou psíquica é un delito contra o que temos a obriga de loitar, cada un desde a súa responsabilidade”.

“As vítimas potenciais –agregou a presidenta do Parlamento de Galicia- teñen que saber que existen medidas de prevención e protección contra estes delitos; que poden denuncialos, incluso anonimamente, e que alguén os vai axudar e protexer”.

Praga silandeira
Pilar Rojo felicitou o Valedor do Pobo pola organización da xornada celebrada hoxe na sede do Parlamento de Galicia. Iniciativas deste tipo axudan, na súa opinión, a concienciar á sociedade, achegan coñecemento, e “contribúen a alertar sobre unha nova praga silandeira que se vai infiltrando nas mulleres do futuro, cando coidabamos que neste século tiñamos fortalecida a batalla da igualdade”.

No acto de clausura celebrado esta tarde no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia interviron tamén a defensora del pueblo, Soledad Becerril, e o valedor do pobo, José Julio Fernández.

Comentarios