Piratas

A TVG non emite series do estilo de The wire, no canto de reflectir universos galaicos análogos ao arrabaldo de Baltimore (dominado por furavidas e camélidos traficantes) inventa ruralías tan chuscas como irreais, arremedos da Italia de posguerra con Morris no papel dun alcalde comunista nunca visto por estas partes e historias de gángsters máis parecidos a falabaratos de culebrón mexicano que a herois de Coppola.

Así as cousas, o único observatorio sociolóxico que nos queda é a sección de sucesos dos xornais. Nelas encontro un tipo que asaltou unha tenda de lambetadas e un negocio hostaleiro con pistola de xoguete. Foi bo de identificar porque camiña con caxatas desde que se guindou dun terceiro piso fuxindo da Policía. En honra do malandro cómpre dicir que non consta que roubase as muletas. Probablemente se fixo con elas nalgunha institución de beneficencia ou por xentileza dun agonizante Estado do Benestar. A impericia no manexo dos bastóns facilitou a súa detención. Só unha longa familiaridade coa coxeira permite esgrimir unha caxata como arma perigosa e arrebollar inimigos a paus á maneira do célebre pirata John Silver. Fica moi lonxe a Illa do Tesouro.

Comentarios