Play-Doc colócase entre os dez mellores festivais do mundo

O Play-Doc, un festival documental «pequeno», feito en Tui, «nunha esquina de España», foi seleccionado para participar no Best Fest Filme Series de Nova York como un dos dez mellores festivais do mundo e proxectará unha mostra dos seus filmes na Gran Mazá.

O Festival Internacional de Documentais de Tui Play-Doc naceu en 2004 co obxectivo de establecer un punto de encontro para os realizadores de todo o mundo nun xénero emerxente, segundo conta o seu director, Ángel Sánchez.

Este mozo confesa que calquera premio que veña do exterior «é benvido» e máis se é un recoñecemento á traxectoria e ao convencemento de que nun festival da periferia europea «se poden facer cousas que transcendan máis alá das nosas fronteiras», aínda a pesar de contar cun financiamento limitado.

Os Best Fest Film Series de Nova York recoñecen cada ano os dez festivais que consideran máis interesantes do panorama mundial, polo que Sánchez non sae da súa «sorpresa» ante a selección do Play-Doc, «un festival pequeno, nunha esquina de España» mais que ten a sorte de contar cunha «programación de calidade» que agora chegará ao público neoiorquino. «Aínda quedan por determinar o tempo e os detalles da nosa exposición alí», explica emocionado, «o que nos propón é que presentemos o festival e escollamos filmes representativos».

E sobre este aspecto o director teno moi claro: os filmes seleccionados pertencerán a creadores galegos encadrados dentro dunha «nova xeración» de cineastas que desde hai un lustro mostra unha nova visión do cinema documental en Galicia que servirá para «promover o audiovisual galego e Galicia en si».

Sánchez traslada que a liña editorial do Play-Doc está próxima ao cinema de autor e ao chamado «documental de creación», sen existir unha temática concreta sobre a que tratan as obras senón realizadores cunha «caligrafía persoal» á hora de levar a cabo os seus traballos que, lamenta, «non contan con moitos espazos para se daren a coñecer hoxe en día».

«En Galicia hoxe en día hai unha nova xeración de cineastas que comparten unha visión do cinema, e en función diso e do tempo que nos dean faremos unha selección. É o que se chama Novo Cinema Galego», e esta «nova onda» do cinema da Comunidade poderá ser desfrutada nun edificio cultural histórico en «maio ou xuño, aínda non hai data concreta».

Loita por sobrevivir

Despois disto, Sánchez espera que a «loita pola supervivencia do festival», que a organización realiza cada ano porque «que parece que vai ser o último», sexa máis levadía, aínda que estas dificultades para o financiamento é o que despois fai «que o público e nós mesmos nos sorprendamos da calidade das obras».

É por iso que o director denuncia a «pouca implicación coa cultura» das institucións para axudar eventos que «dinamizan socioeconomicamente» unha localidade, así como as «dificultades» para encontrar financiamento privado na actualidade, un feito que os levou a probar o método do micromecenado, baseado en donativos de público «e todo aquel que o desexe» para que unha iniciativa como esta «continúe adiante despois de dez anos de loita».

Debido a isto, valora a importancia dun recoñecemento vido da «cidade máis importante do mundo» xa que, por veces, «fai falta que se fixen en ti os de fóra para dar un toque de atención aos que están preto».

Sánchez declárase orgulloso de ir avanzando co proxecto dun festival independente asentado en Tui que, ademais, conta coa súa propia canle de televisión a través dos servizos do operador de cable R. «Play-Doc TV é un proxecto chave para expandir a idea», comenta, «temos un catálogo de máis de cen filmes que doutro modo non terían un espazo de exhibición».

Para o futuro, espera continuar, xa que esta «palmadiña no lombo» é importante e «unha grande oportunidade» mais, recoñece, «aínda queda moito que pelexar».

Ángel Sánchez Fundador e director

A nosa aposta é polo documental de creación e polos autores cunha caligrafía persoal, que non contan con moitos espazos de exhibición»

Cada ano parece que vai ser o último. A implicación institucional coa cultura é mínima»

Comentarios