Poesía cantada y en femenino en Marín para conmemorar a Rosalía

O grupo 'Xardín Desordenado' subirá ao Palco da Música da Alameda o venres ás 20.00 horas para cantarlle aos marinenses os versos da autora e doutras poetisas galegas contemporáneas
'Xardín Desordenado', na clausura do Congreso de Escritores en lingua galega, en Pontevedra
photo_camera 'Xardín Desordenado', na clausura do Congreso de Escritores en lingua galega, en Pontevedra

Un redescubrimento. Iso foi o que viviron os integrantes do grupo musical ‘Xardín Desordenado’, intérpretes que tiñan o jazz en común, que se reunían en Moaña para falar de música e que, sen saber moi ben como, acabaron falando de literatura, de poesía. E do falar, ao actuar. Fixeron unha sinerxía desas súas paixóns e comezaron a adaptar os versos aos acordes. Así naceu o seu proxecto, que os levou a redescubrir as grandes figuras da literatura galega e a atoparse con novos nomes, igual de valiosos que os xa de sobra coñecidos.

Levan oito anos subindo aos escenarios para musicar as creacións dos mellores escritores de Galicia. Pero nunca estiveron en Marín. A súa estrea na vila coincidirá co Día de Rosalía de Castro. Á noitiña, preto das 20.00 horas, encherán o Palco da Música de sons poetizados, de letras do século XIX e do XXI. E é que Rosalía entre outras, concerto que o grupo ten preparado para conmemorar á autora máis celebre de cantas existiron na historia de Galicia, suporá a desmitificación da figura rosaliana para mesturala coas creadoras actuais, tales como María Lado, María do Carme Kruckermberg, Yolanda Castaño ou Luísa Castro. Será unha especie de encontro feminino no que se contrapoñen as inquedanzas das mulleres galegas de antes coas de agora a través das poesías que escribiron, nas que as temáticas son comúns a pesar de estar expresadas de formas diversas.

Un dos membros de Xardín Desordenado, Santiago Ferragud, falando desa nova Rosalía que apareceu ante os seus ollos a medida que ía enfrascándose na súa obra, destacou que, no concerto, "aparecerá esa Rosalía máis lúdica, máis divertida". Pois non todo nela era escuridade e tristura, como ás veces podería parecer. As letras da poetisa sairán da garganta da cantante Marlene Rodrigues, que estará acompañada pola música de Ferragud, Isaac Garabatos, David Outumuro, Blas Segura e Lorenzo Boo, que navegarán entre o jazz, o swing, a bossa nova e o blues. Será un auténtico encontro por e para Rosalía. Para as mulleres. Para as poetas. Toda unha homenaxe.

Comentarios