Poesía e a recreación dunha labranza para homenaxear ás mulleres labregas

MARÍN. A programación de actos prevista para a conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora no concello de Marín dará comezo durante esta xornada con diferentes actividades de sensibilización e concienciación en varios dos centros educativos da localidade. Esta iniciativa dará continuidade á ‘Operación violeta’, de maneira que os rapaces poderán achegarse a institucións como os xulgados, o Centro de Información á Muller e ás sedes da Policía Nacional e Local de Marín.

Posto que semella que o bo tempo acompañará durante o día da celebración, que terá lugar mañá, a partir das 12 horas levarase a cabo a lectura dun manifesto na Praza 8 de marzo. Posteriormente, a partir das 12.20 horas, a praza de Abastos aglutinará os actos máis representativos da programación. Así mesmo, no Mercado terá lugar a inauguración da exposición ‘As mulleres e a terra’, a recreación dunha antiga labranza, ademais da lectura do poema As mulleres traballadoras do campo, a cargo da autora Josefa Area.

No seu momento, a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, sinalou que o motivo polo que este ano o día está dedicado á muller labrega é porque, aínda que Marín é unha vila mariñeira, tamén «podemos encontrar situaciones que se daban en el campo, como cuando las vecinas se juntaban todas en una finca y cantaban mientras labraban. Nuestro objetivo es recuperar antiguas situaciones y acercar a los vecinos cómo era la vida de las mujeres de Marín antiguamente en el campo, puesto que prácticamente no hay documentación sobre ello».

MOCIÓN. Por outra banda, o Movemento a Prol dos Bens Comúns manifestou onte o seu rexeitamento á nova modificación da lei do aborto e anunciou o seu apoio á manifestación que a Plataforma Galega Polo Dereito ao Aborto levará a cabo o vindeiro domingo día 9 en Santiago de Compostela baixo o lema ‘Polos nosos dereitos sexuais e reprodutivos’.

O colectivo marinense aproveitou para lembrar que durante o pasado mes de febreiro presentou unha moción onde demandaba que o Goberno local se dirixa ao Executivo estatal manifestando a súa oposición á modificación da lei, ademais de instar que se solicite á Xunta de Galicia a ampliación da rede asistencial de planificación familiar e que a información sobre maternidade ou interrupción do embarazo non se delegue en organizacións privadas. Outro dos puntos abordados era a adopción de medidas para garantir o dereito a abortar das mulleres nos centros sanitarios públicos do Sergas.

Comentarios