Poesía

Non é que teña ganas de chorar. É que ó seu paso vai debuxando un camiño de profundas pegadas sobre a area dunha praia calquera ó son do Atlántico. Os brazos do mar de inverno tratan de agarimalas, ó tempo que o ruxir das ondas escumosas envolve a mañá salgada. Ó fondo un mar de cruces. Séntese a saudade dunha guitarra portuguesa que evoca as ausencias, as dores da alma pero tamén as da rutina. Non é un laio baleiro ó aire. É unha cantiga doce que trata de acobillar a quen a escoita. Un sopro cálido de que nestas horas xélidas fai moita falta. Así soou ó outro lado do teatro a música de Ana Moura, hai algunhas semanas en Pontevedra. Alomenos imaxineino así mentres escoitaba o seu ‘Fado alado’. Ás veces cómpre un pouco de poesía. Uns versos ó ceo para calmar esta ansia de que melloren as cousas. Deixei repousar aquelas notas. E regresaron nun muro virtual. Porque tamén nas redes sociais hai quen vai deixando pegadas líricas. Quen recupera as palabras do último trobador morto e quen comparte unha imaxe ou un pensamento. A poesía, en todas as súas formas, é parte do antídoto contra a tristura que nos atrapa. E un pode intentar levala a unha instantánea do mar encarrexado, a un sentimento ou a unha columna sen máis pretensión que o pracer de rencontrarse con ela. Sentila.

Comentarios