Os veciños de Poio dixéronlle este sábado adeus definitivamente ao Entroido desde municipio, un dos máis longos da comarca, despois de pasar máis de catro semanas acudindo a desfiles, festas de disfraces, concursos, e sobre todo, enterros de animais emblemáticos, como o galo, o mexillón e o berberecho.
O Enterro do Galo Fodorico, acompañado por ducias de veciños e polas comparsas da contorna, foi o punto final definitivo a esta particular festa, unha das máis apreciadas polos poienses, na que non faltou participación nin humor ata o último instante. Entre os que choraron a Fodorico Bastante abudaron as viúvas e viúvos, os clérigos, bispos e demáis representantes eclesiais e os choqueiros, unha vertente do mundo dos disfraces que se practica con moito talento neste concello.
A tristeza de despedir a este galo tan querido non impediu que os asistentes gozaran dos actos programados para completar a noite
O galo este ano morreu en plena vivencia da súa etapa máis anarquista, tras elexir a corrente Punk para dar saída á súa decepción coa política e co panorama xeral. Tal vez os excesos desa vida anarquista acabaron sendo o detonante desta morte que onte foi celebrada en Arís cunha incineración e co pregón (ou responso) de Chuvi, o cantante de Champurrada e dos membros da Asociación Armadiña.
Entre os colectivos presentes, estiveron Os 100 tolos, Priscila Raíña de Samieira, Os Canecos e comparsas chegadas desde Marín, Monte Porreiro, Arcade e Bora.
A tristeza de despedir a este galo tan querido non impediu que os asistentes gozaran dos actos programados para completar a noite: a Festa do Choqueiro, a sesión de zumba e a verbena, co trío Azabache.
Os veciños de Poio iniciaron as festas de Entroido hai exactamente un mes: o 26 de febreiro, con dous desfiles, un deles en Samieira e outro na zona central do Concello e Campelo.
Este ano, ademais, case todas as convocatorias se puideron celebrar con puntualidade e a choiva só obrigou a adiar o Enterro do Mexillón.