Ponteareas controlará ás persoas que utilicen ao can "como escusa para pasear"

O goberno local advirte que "en ningún caso se pode aproveitar esta circunstancia para pasear por diferentes lugares, algúns deles afastados"
Concello de Ponteareas. GOOGLE MAPS
photo_camera Concello de Ponteareas. GOOGLE MAPS

O Concello de Ponteareas avisa de que a Policía Local controlará ás persoas que saian con cans á vía pública despois de detectar que algúns propietarios utilizan ás mascotas "como escusa para pasear" e incumprir o confinamento do estado de alarma.

A través dun comunicado, o goberno local advirte que denunciará estas prácticas e lembra que só se pode sacar ao can "a facer as súas necesidades o tempo imprescindible e nas proximidades do domicilio".

"En ningún caso se pode aproveitar esa posibilidade para circular paseando por diferentes lugares, algúns deles tan afastados como a ribeira do Tea ou o regato da Venda, entre outros", recalca o Concello.

Por iso, a Policía Local ponteareá comprobará o domicilio das persoas que estean coas súas mascotas en espazos públicos e, no caso de que estean lonxe das súas residencias e dispoñan de lugares máis próximos a elas, "serán sancionadas". "O mesmo ocorrerá se se comproba unha permanencia nun espazo público de forma prolongada máis aló do imprescindible", avisa o goberno local.

De forma paralela, os axentes ratificarán que os cans contan co correspondente microchip e vixiarán que os propietarios recollan os seus excrementos e limpen con auga as zonas onde ouriñen. En caso de non facelo, a persona en cuestión será denunciada.

Comentarios