Ponte Caldelas afirma que as expropiacións da PO-234 só custan 29.800 euros

O Goberno municipal anima á Consellería de Infraestruturas e Vivenda a firmar "canto antes" o convenio para axilizar a obra

O Concello de Ponte Caldelas amosa a súa sorpresa polos datos que veñen de coñecerse con motivo da exposición pública do proxecto de mellora da estrada autonómica PO-234, entre esta localidade e o núcleo de Laxoso, onde se atopa a maior densidade de poboación "e as peores curvas de todo o trazado". O proxecto, cuxa exposición pública vén de rematar estes días, revela que o custo total das expropiacións é de só 29.812 euros, unha cantidade sensiblemente inferior aos 40.000 euros estimados cando o Concello tomou a iniciativa de redactar unha proposta de convenio pola que se comprometeu a pagar as expropiacións.

O borrador de convenio, entregado á Xunta de Galicia en xaneiro pasado meses antes da exposición do proxecto, foi a proposta realizada polo tripartito pontecaldelán para "acabar co bloqueo a unha obra prometida no 2011 e paralizada dende entón". O Concello fixo unha estimación do custo das expropiacións baseándose na relación de bens e dereitos afectados comunicada inicialmente pola Xunta, que incluía 99 propiedades. Sen embargo, o proxecto final reduciu esta cifra a só 74 propiedades e reflectiu unha valoración total que se reparte entre os 24.100 euros que custan os terreos e os 5.700 para a reposición de peches e muros. Ao tempo, "confirma o xa adiantado polo Goberno local de que aquela relación era unha chapuza repleta de identificacións erróneas", incluíndo tamén "un feixe de persoas emigradas ou mesmo falecidas".

"Son cifras ridículas para o Orzamento da Xunta", afirma o alcalde, Andrés Díaz, quen adianta que o Concello mantén a súa intención de asinar ese convenio, "porque aínda que é unha cantidade importante para un Concello pequeno como Ponte Caldelas xa sabemos que a nós nos toca ir máis alá para deixalos sen ningunha escusa. Estamos moi orgullosos de ser o primeiro Concello de España en pagar as expropiacións dunha estrada autonómica porque, por diante de todo, poñemos o interese xeral e a defensa dos veciños", engadiu.

SINATURA DO CONVENIO. Por outra banda, o Goberno formado pola coalición entre PSdeG-PSOE, AVP e BNG, volve reclamar a sinatura do convenio unha vez que rematou o trámite de exposición pública. Porén, considera que xa coas cifras definitivas das expropiacións sobre a mesa o texto debe adaptarse a esta nova realidade.

Unha vez revisado a fondo o proxecto, o alcalde de Ponte Caldeas considera normal que as expropiacións teñan un custo tan baixo. "Trátase dunha obra pequena, sen variación do trazado nos pouco máis de dous quilómetros incluídos, polo que se limita a unha ampliación da sección da calzada de 50 centímetros a cada lado para dotala de beiravías", manifesta o rexedor pontecaldelán. É un pequeno arranxo, pero que sen embargo mellora a visibilidade das curvas cegas de Laxoso e, aínda que nos gustaría un proxecto máis ambicioso, somos xente razoable e podemos entender que unha mellora sempre é mellor que nada", engade o Goberno liderado por Díaz.

Comentarios