O Concello de Ponte Caldelas cumpre os prazos de pago a provedores

O Concello precisou en 2016 dunha media de 24 días para pagar as facturas, seis xornadas menos do que establece a normativa

O Concello de Ponte Caldelas confirmou onte que os pagos a provedores durante o ano 2016 realizáronse nun prazo medio de 24 días, seis por debaixo do prazo que marca a normativa creada para loitar contra a morosidade nas operacións comerciais, vixente desde o ano 2010. A lei obriga ás administracións públicas a pagar antes dos 30 días e a publicar unha memoria do período medio de pago por trimestres. Ponte Caldelas é un dos concellos galegos que vén cumprindo con esta normativa,especialmente desde que o tripartito tomou as rendas do mesmo, en 2015.

Tal e como apunta o Concello, os datos acumulados de 2015 e 2016 demostran que o Concello pagou con adianto durante os dous primeiros trimestres de 2015 e mantivo esta tendencia durante todo o ano 2016. Así, conseguiu rebaixar o prazo de 30 días no primeiro trimestre (-1,6 días), no segundo (-3,14 días), no terceiro (-11,91 días) e, finalmente, no cuarto, no que entra o maior volume de facturas do ano, con 6,46 días de marxe. O Goberno local tripartito considera que estas cifras demostran "a seriedade na xestión económica do actual equipo, un compromiso que tamén se manifesta moi claramente na redución da débeda municipal, herdada nun millón de euros e que quedará ao remate deste ano en 588.000 euros, é dicir, moi preto xa da metade".

Por outra banda, Ponte Caldelas converteuse o pasado día 3 de febreiro nun dos primeiros concellos galegos en aprobar definitivamente os seus Orzamentos para este ano, o que permite afrontar «con seriedade» a xestión municipal. "Creo que podemos estar satisfeitos do cambio que trouxemos ao Concello, pero temos que estar moi atentos para poder seguir ofrecendo estes datos", afirmou o alcalde, Andrés Díaz. "Son cousas que moitas veces non se ven nestes tempos de alboroto, pero que, ao meu xuízo, son claros indicadores da calidade na xestión municipal", conclúe o rexedor socialista.

Comentarios