Ponte Caldelas debaterá unha moción para instar á Xunta a que cambie o mapa de emerxencias

Os Bombeiros poden tardar dúas horas en acudir a unha emerxencia nalgunhas zonas da comarca
Ponte Caldelas quere acabar coa "zona de sombra" que afecta ao seun municipio, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Campo Lameiro
photo_camera Ponte Caldelas quere acabar coa "zona de sombra" que afecta ao seun municipio, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Campo Lameiro

O Concello debaterá unha moción para esixir o inicio inmediato dun proceso de diálogo que conduza á modificación do mapa de emerxencias provincial, para acabar coa "zona de sombra" que afecta a Ponte Calcelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Campo Lameiro.

O texto, dirixido á Deputación Provincial e á Xunta de Galicia, subliña que a cidadanía destes concellos "séntese indefensa ante un servizo de tan escasa calidade en situacións nas que a diferenza entre a vida e a morte radica, en gran medida, no tempo de resposta", facendo referencia ás case dúas horas que poden tardar os Bombeiros en chegar ás ditas localidades, discriminando gravemente aos catro concellos do interior da provincia.

En contraposición do mapa pactado en 2011 polo ex-presidente da Deputación Rafael Louzán e o conselleiro Alfonso Rueda, apóstase agora por un modelo baseado nun mapa de isócronas de 20 minutos de tempo de espera máximo, uniforme en todo o territorio provincial. Para conseguilo, instarase a iniciar conversas inmediatas cos concellos de Vigo e Pontevedra para facer posible a comarcalización dos seus parques municipais, dado que "non é lóxico que as zonas de sombra se sitúen preferentemente arredor de onde están as bases de Bombeiros mellor dotadas en medios e recursos humanos".

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, afirma que a Xunta e a Deputación "xogaron a empatar botándose a culpa a unha á outra e, mentres tanto, o risco continúa". O propio Díaz foi quen intentou promover unha xuntanza multilateral dende Ponte Caldelas, pero tivo que desistir polo desinterese das institucións involucradas (Xunta e Deputación). "A atención aos incendios nos concellos de menos de 20.000 habitantes corresponde tanto á Xunta como á Deputación, como integrantes ao 50% do Consorcio Provincial, e o mapa de emerxencias, que é a raíz do problema, tócalle ao 100% á Xunta de Galicia, porque é unha competencia exclusiva", indica Díaz.

A moción destaca que, segundo un estudo realizado pola propia Deputación, existen deficiencias na cobertura de Bombeiros nos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Campo Lameiro, A Estrada, Cuntis, Forcarei, Vila de Cruces, Poio, Vilaboa, Soutomaior, Agolada e 22 máis en toda a provincia pontevedresa.

A iniciativa critica explicitamente a actitude do conselleiro Rueda e o director xeral de Emerxencias, Luís Menor, por ter advertido que a Xunta de Galicia non está disposta a asumir ningún custo a maiores. "Parece que dan a entender que a vida e a seguridade da xente destes concellos, e moi especialmente de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Campo Lameiro, non está nas súas prioridades", opina Díaz.

Comentarios