Ponte Caldelas le exige a la Sareb que termine las obras del Balneario

Se a sociedade bancaria non comeza os traballos en seis meses o Goberno local imporalle multas trimestrais de 10.000 euros
Instalacións abandonadas do balneario
photo_camera Instalacións abandonadas do balneario

O Concello de Ponte Caldelas impúxolle á Sociedade de Xestión de Activos de Reestruturación Bancaria (Sareb) unha orde de execución do Balneario, pola que lle concede uns prazos de seis meses para reanudar as obras do mesmo e de tres anos para rematalo. Se a institución non cumpre coas datas estipuladas, o Goberno local "comezará a impoñer multas coercitivas trimestrais por valor máximo de 10.000 euros cada unha ata un máximo dun 75% do custo das obras, excluído o valor do solar". O rexedor local, Andrés Díaz, comentou que a Sareb estaba moi cómoda co anterior Goberno: "Agora vai ter que decidir entre pagar as multas ou rematar as obras. E se non lle gusta ningunha das dúas alternativas tamén pode vender, dando por feito que o que compre terá que poñerse mans á obra".

O informe da arquitecta municipal acreditando a paralización dos traballos inclúese nunha resolución na que se indica que o importe do proxecto de execución material presentado no ano 2008 sitúase en máis de 1.325.000 euros, pero o valor das obras que se realizaron tan só alcanza 192.451 euros. Por iso, o Goberno local non dubida en recalcar que as sancións poden chegar a ser transcendentais. Asemade, aclárase que se levou a cabo unha modificación da xestión urbanística do Concello, o que anteriormente presentaba unha gran "pasividade".

O proxecto do balneario detívose hai oito anos pola crise que atravesaba a empresa executora das obras: El Bosque Ponte Caldelas S.L. Ó final, esta organización acabou quebrando e as actuacións quedaron a cargo da Sareb.

INICIATIVA. A decisión do Goberno de Ponte Caldelas é similar a outras que leva formulando desde hai tempo. De feito, os membros do PSdeG, de AVP e do BNG consideran que é necesario "exercer as súas competencias para atallar o abandono de edificacións singulares no municipio". Un exemplo disto foi a iniciativa que se levou a cabo en setembro deste ano co tanatorio de Ponte Caldelas, que levaba tres anos pechado e á espera dunha reforma. Ante esta situación, o tripartito decidiu impoñer unha serie de sancións trimestrais de 10.000 euros ás empresas particulares que o xestionaban. Tras iso, Alianza y Barros confirmou que emprenderá as obras de reparación do teito do inmoble. De feito, o equipo de goberno establece que "o tanatorio volve abrir grazas ás multas coercitivas reiteradas ós infractores".

Ademais, o Concello xa tivera outros enfrontamentos coa Sareb, á que obrigou a realizar de forma urxente diversas obras de conservación debido ao risco de afundimento das beirarrúas públicas.

Díaz sinala que "acabouse a impunidade urbanística en Ponte Caldelas. O Partido Popular só nos dicía que estes problemas pertencían a empresas privadas e que no Concello non se podía facer nada; agora están moi calados porque comprobaron que a nós non nos treme o pulso por moi grandes que sexan estas corporacións incumpridoras ou por moitos amigos que teñan".

Comentarios