Ponte Caldelas homenaxea á mestra incombustible

O CEIP Cordo Boullosa dedica un emotivo acto á profesora María Pichel, que se despide da docencia despois de varias décadas impartindo clase
Un momento da festa de despedida que organizou a comunidade escolar do Cordo Boullosa
photo_camera Un momento da festa de despedida que organizou a comunidade escolar do Cordo Boullosa

A comunidade escolar do CEIP Cordo Boullosa reuniu este venres a pais de alumnos, antigos estudantes do propio centro e do CEIP A Reigosa e ata a representantes municipais para a homenaxe de xubilación á mestra María Pichel, que despois de case corenta anos exercendo en varias escolas públicas da provincia deixa o labor docente.

Aínda que se esperaba que fora un acto emotivo, dado que a mestra é coñecida por ser moi participativa nas actividades do centro e pola súa faceta colaborativa coa vila, poucos pensaron que a despedida acabaría arrincando tantas bágoas.

A homenaxe comezou pouco despois das doce e co himno galego tocado polo grupo de gaitas Nós tamén imos. O director do centro e concelleiro no Goberno local, Manuel Barreiro, foi o encargado de presentar o acto e agradecer o traballo da docente. Fíxoo explicándolle aos alumnos que "a profe María Pichel non estivo de mestra en Ponte Caldelas. Non está de mestra seis horas e despois vai á súa vida. Ela foi un pasiño máis alá: sentiuse mestra, síntese mestra e será sempre mestra, porque ela adicou sempre o seu tempo aos seus alumnos. Estou seguro de que incluso durmindo pensaba en como axudar a aquel neno ou aquela nena que tiña un problema".

Tamén tivo unhas palabras para ela a escritora Fina Casalderrey, que colabora en outros ámbitos co centro e acudiu para a ocasión. "É posible que queirades á profe María dende aquí ata a lúa, pero ela a vós quérevos dende aquí ata a lúa e de volta", explicou, antes de dicir que "ela é unha desas mestras que quedan en nós para sempre. unha desas profes que foron condutoras de ambulancia e vos levaron a casa cando estabades mal ou ambulancias mesmo, cando vos levaron en brazos; costureiras, cando vos arranxaron algo roto; enfermeiras, que vos puxeron unha tirita; psicólogas, consolándovos dun desgusto ou aledándose cando vos pasou algo bó".

Ao acto acudiu unha representación do Goberno local integrada polo alcalde, Andrés Díaz, e pola concelleira e antiga alumna Pilar Couto para entregarlle unha reprodución da estatua do pescador do escultor Carlos Tesouro que hai no paseo fluvial, "en agradecemento á actividade altruísta de María na nosa vila", indicou o alcalde.

Neste punto, Pichel confesoulle aos asistentes que "sempre pensei: se eu puidera ter algún día esta estatua, creo que sería moi feliz". Tamén recibiu un agasallo de mans do párroco Uxío Domínguez, como mostra de agarimo pola súa colaboración con Cáritas e con esta parroquia, e ata cantou con el unha estrofa de ‘Sementeira’ de Fuxan os Ventos.

O último agasallo da Insua foi a participación das cantareiras locais, que lle adicaron dous temas, un feito en especial para ela. A mestra, que revelou tamén o seu cariño por este lugar, "ao que volverei sempre que poida", rompeu en moitos momentos o ambiente emotivo con xestos de humor. Un deles foi, precisamente, cando soaba unha peza do grupo de gaitas, que ela bailou animadamente no medio escenario.

GALICIA. Pichel é gran defensora do galego, como recoñeceron o venres os seus compañeiros, exalumnos e os propios cativos, que, despois de actuar para ela, lle pediron que recitara "un dos seus poemas, que sabe de memoria". A mestra elexiu a Manuel María e os versos de ‘Galicia’. Non foi o único que ‘recitou’, xa que nos minutos que pasou cos seus estudantes de anos anteriores, repetiu de memoria e por orde de lista os nomes de todos os que formaran a súa primeira promoción no CEIP de Ponte Caldelas. Moitos deles, alí presentes, fundíronse nun abrazo con ela. Algo máis tarde, despois da representación dunha apenada clase de Sexto B que actuou e chorou a partes iguais, volveu abandonar o papel de homenaxeada para ser mestra: "Fernanda, non olvides que eres unha nena moi válida e moi boa", díxolle a unha alumna que pasaba diante dela. "Susana, noraboa pola túa familia", felicitara, había un instante, a unha que fora alumna súa 20 anos atrás; "a ti sempre te levarei no corazón", díxolle a un máis.

"Cheguei a esta profesión no 1977, no século pasado, pero penso que sempre fun mestra (...). Con dez anos, xa deixaban comigo aos nenos da aldea para ir a traballar e eu ensináballes a ler e a escribir", comezou o seu discurso final. Pichel, que tamén foi mestra en Pontevedra, Redondela, Combarro e Ribadumia, despediuse declarándose orgullosa de ser unha ‘profe’ dun pobo, de axudar aos nenos a loitar contra as dificultades e progresar e lembrando a todos os alumnos: os presentes e os que se esforzaron por chegar lonxe na vida "grazas a algo do que lles ensinei".

Comentarios