Ponte Caldelas exige a Feijóo que destituya a Susana López Abella

O tripartito, que anunciou a contratación dunha avogada especializada en violencia de xénero, acusa a López Abella de insultar a Andrés Díaz
Reunión celebrada entre os dirixentes municipais e a nova avogada contratada polo Concello
photo_camera Reunión celebrada entre os dirixentes municipais e a nova avogada contratada polo Concello

As declaracións realizadas o pasado luns pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, nas que achacaba o peche do Centro de Información á Muller (CIM) de Ponte Caldelas á "conciencia machista" do alcalde, Andrés Díaz, tiveron este martes resposta por parte do Goberno local. O tripartito mostrou o seu malestar polas afirmacións da representante da Xunta de Galicia e esixiu a Alberto Núñez Feijóo a destitución de Abella.

"Nós temos o máximo respecto polas institucións e pedímoslle á señora secretaria xeral que respecte a un alcalde elixido democraticamente e que toma decisións dentro dun grupo de goberno coaligado, en función dos intereses xerais do seu municipio", sinalaron os dirixentes locais, que, precisamente, o martes anunciaron a posta en marcha do novo servizo de atención ás mulleres, que contará coa incorporación dunha avogada especializada en dereito de Familia e violencia de xénero. Unha xuntanza entre o Goberno local, a nova profesional e un representante do posto da Garda Civil serviu para repasar a incidencia desta problemática na vila. Pola súa banda, Andrés Díaz criticou "a hipocrisía da Xunta de Galicia, que racha as vestiduras coa simple reestruturación dun servizo nun concello de 5.500 habitantes, mentres non move un só dedo para crear novos xulgados especializados de Violencia Sobre a Muller na nosa comunidade autónoma, porque só hai dous, están carentes de medios e hai pouco celebrouse unha Comisión Mixta de Xustiza na que non se deu prioridade a este asunto".

Díaz afirma que o Concello de Ponte Caldelas seguirá reclamando máis investimentos no seu municipio (Centro de Maiores na Casa da Quintán, ampliación da estrada autonómica PO-234, comedor escolar no colexio da Reigosa e proxectos de saneamento nas parroquias) e denunciando a "evidente discriminación" con respecto aos concellos da contorna gobernados polo PP. "Resulta moi chamativo que en menos dunha semana o Partido Popular falase dúas veces de Ponte Caldelas dende o Parlamento de Galicia e desde a propia Xunta", un feito que o alcalde considera que "non é casual, porque teñen moi claro que este Concello móvese e xa é unha referencia do cambio".

SEN PRÓRROGA. O Goberno pontecaldelán decidiu non prorrogar o contrato externo de servizos coas dúas profesionais que ata agora atendían o CIM e que rematou o 31 de decembro pasado. Ante esta situación, as traballadoras optaron por acudir á vía xudicial, algo que Andrés Díaz achaca "á chapuceira xestión dos anteriores dirixentes do Partido Popular, que optaron por prorrogar numerosas ocasións o contrato, sempre cos informes dos técnicos municipais en contra". Deste xeito, o alcalde salienta que "vímonos na obriga de tomar una decisión difícil, pero responsable, en base aos intereses xerais do municipio. O incremento do cadro de persoal con dúas incorporacións equivalentes a funcionarios do grupo A-1 nun escenario no que as subvencións aos CIM poden rematar dun ano para outro, non era o máis prudente. Diante destes antecedentes, o Concello optou por rachar con esta xeira de prórrogas e reestruturar o servizo durante este ano con racionalidade". O Goberno local confía en poder volver a poñer en marcha o CIM o vindeiro ano.

En todo caso, Díaz deixou claro que, se o Xulgado do Social obriga ao pago de indemnizacións, non descarta presentar unha reclamación de responsabilidade patrimonial fronte ao anterior alcalde, Perfecto Rodríguez.

Comentarios