Ponte Caldelas presume de crecemento demográfico

A vila do Verdugo gañou 33 novos veciños en 2016 e xa conta con 5.573 habitantes

O Goberno local de Ponte Caldelas celebra os datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que confirman a boa traxectoria demográfica deste municipio, que rachou en 2016 unha tendencia negativa que viña arrastrándose dende unha década atrás. As cifras indican que a vila do río Verdugo é un dos cinco concellos da zona central da provincia de Pontevedra cun saldo migratorio positivo. Segundo este balanzo, Ponte Caldelas recibiu máis xente durante o pasado ano da que emigrou. Conta con 215 novos veciños fronte aos 199 que marcharon.

As estatísticas oficiais tamén confirmaron meses atrás que Ponte Caldelas pechou 2016, o primeiro ano completo tralo cambio de Goberno municipal cun saldo demográfico positivo, pois sumou 33 novos veciños para chegar ata un total de 5.573. En termos relativos foi o concello pontevedrés cun maior avance de poboación. O alcalde, Andrés Díaz, subliñou que non deben menosprezarse estas cifras, pois aínda que modestas están por enriba da media dos concellos que avanzan. E non debe esquecerse que o conxunto de Galicia está a perder poboación. "Ponte Caldelas, como todos os municipios desta zona está historicamente vinculada á emigración e agora estamos comprobando, con moita satisfacción, que hai xente que volve e que valora a calidade de vida que lle podemos ofrecer", destacou.

Máis aínda, o alcalde lembra que Ponte Caldelas levaba perdendo poboación de xeito constante durante máis dunha década, pois a comezos deste século contaba con máis de 7.000 habitantes. Para explicar a mellora, Díaz Sobral destaca a campaña de empadroamento que está a desenvolver o Concello. A iniciativa incluíu medidas como, por exemplo, bonificacións nas taxas de auga para as familias numerosas.

Comentarios