A Pontenova, terra de ferro regada polo Eo

Unha visita á localidade mariñá supón mergullarse no seu pasado mineiro e gozar do río que lle outorga personalidade
Vía Verde de A Pontenova
photo_camera Vía Verde de A Pontenova

A HISTORIA aparece de bruzos con só levantar a vista. Os cinco fornos de calcinación erguen incólumes, vixiantes de todo o que sucede na Pontenova. Preséntanse como testemuñas impertérritas de máis dun século de vida e observadores privilexiados dos progresivos cambios dunha vila que debe gran parte do que é ás súas minas e ao río que a atravesa, o Eo.

Achegarse ao seu pasado conduce irremediablemente á industria mineira, ao sufrido traballo nas galerías, ao fume que saía dos fornos, aos sabañóns que roían as orellas. A mina é a base dunha terra que viviu a súa época de gloria a comezos do século XX e agora loita por manter, canto menos, parte da súa esencia. Foi hai pouco máis de cen anos cando a efervescencia do traballo mineiro e o conseguinte crecemento poboacional converteron a localidade da Pontenova na capitalidade local, antes repartida entre os lugares de Vilaoudrid e Vilameá.

O recordo ás minas no vocabulario da zona é constante: o equipo local, o Spórting, xoga no campo da Mina, todos os anos se celebra o Festival das Minas —que este ano será o 16 de decembro—, a Queima dos Fornos recorda este pasado recente durante as festas das San Lucas de outubro con fogos artificiais e incluso existen rutas de sendeirismo que renden homenaxe ao esixente labor dos devanceiros con visitas a algúns túneles escavados para extraer o mineral de ferro.

A Sociedad Minera de Vilaoudriz, creada en 1900, chegou a construír oito fornos. O primeiro data de 1902 e o último de 1925, dos que se conservan cinco na Pontenova e outro a menos dun quilómetro, no Boulloso. Neles preparábase o ferro a alta temperatura para despois ser exportado a outros puntos de España e tamén de Europa. Partía dende a estación do tren da Pontenova, hoxe reconvertida en oficina de turismo, nun ferrocarril que percorría 34 quilómetros ata o cargadeiro de Ribadeo, dende onde se mandaba o ferro en barcos. Este transporte finalizou antes de que comezase a Guerra Civil, no que sería o comezo do declive dunha actividade que proporcionou moita riqueza, tan intensa como curta no tempo. Unha réplica do tren serviu de atracción nas festas das San Lucas para rememorar os tempos mineiros e explicar dunha maneira amena e divertida o xerme do pulo que viviu na época A Pontenova.

A ruta que atravesaba a Chocolateira, como se chamaba ao ferrocarril, é hoxe a denominada Vía Verde, onde se pode practicar sendeirismo ou pasear en bicicleta ao longo de doce quilómetros. Todos aqueles apaixonados das camiñatas poden escoller tamén outros traxectos que ofrece o municipio mariñano: a Ruta das Minas —que percorre doce quilómetros polos principais puntos da antiga explotación mineira—, a Ruta da Férrea —transita por sete quilómetros que levan á cascada do mesmo nome— ou a Ruta das Reigadas.

Este último traxecto merece unha mención especial xa que transcorre por unha espléndida fraga con fauna e flora autóctonas e pasa pola Ferrería de Bogo, primeira testemuña da riqueza en ferro que subxace nesta zona. Fundada en 1534, é o vestixio precursor da explotación de mineral. Foi restaurada a finais do século pasado conservando un martelo de aceiro forxado de 300 quilos e dous rodeznos, que son as rodas que xiran coa forza da auga. Hoxe en día está pechada ao público a pesar dos sucesivos intentos de apertura dos últimos anos.

O Eo é o xefe que vixía o territorio de sur a norte. Con máis riqueza de troitas e salmóns hai uns anos que no presente, a tradición pesqueira forma parte do ADN da vila. A creación da Casa do Salmón, cun museo de pesca, a baixada polo río en agosto no coñecido Baixeo (baixa como poidas) ou a celebración da Festa da Troita o primeiro de maio, que se vén facendo dende 1978 —cun concurso de pesca declarado de interés deportivo nacional—, dan proba da importancia que os veciños lle outorgan. Neste senso, a Unesco recoñeceu a biodiversidade da zona coa declaración en 2007 da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terra de Burón, cunha superficie total que abarca 158.883 hectáreas.

Os monumentos relixiosos tamén narran parte da historia do municipio. O Santuario da Virxe de Conforto, de 1664, é lugar de peregrinaxe de fieis. Xusto ao carón, atópase unha fonte que se remonta ao ano 1772 á que se lle atribúen presuntas propiedades curativas e o Museo de Arte Sacro, que conserva gran diversidade de pezas dende a época románica ata a barroca. A capela de San Pedro Fiz, en Vilaboa, ben vale unha visita, a poder ser o primeiro domingo de agosto para vivir a romería que reúne nun campelo en torno a mesas ateigadas de comida a propios e estranos. Á auga que emana nunha fonte próxima tamén se lle atribúen beneficios para a saúde.

Para o viaxeiro máis minucioso, a pila bautismal de Rececende e os grillóns e cadeas da Inquisición que se conservan na súa igrexa son un alicerce máis para completar a visita ao concello. Da fonte do Nostagal, situada a poucos metros do templo, emana unha das augas máis puras da zona. As mámoas de Xudán e os castros de Os Goios (Vilaboa) e As Croas e Chao da Escrita (Vilarxuane) son mostra da arquitectura primixenia, da presenza de poboadores en terras do municipio dende épocas prehistóricas.

Para coller forzas non hai nada como dedicar parte do tempo de ocio á gastronomía local. Probar un prato de faragullos é fundamental. Trátase dunha masa elaborada con fariña, ovos, auga e leite similar á das filloas coa propiedade de ser capaz de revitalizar ata ao visitante máis baldado. Despois da Guerra Civil e para satisfacer os estómagos que estaban cheos principalmente de necesidade e fame, os faragullos estiveron presentes en todas as casas do municipio. Esta receita ten unha peculiaridade que poucas outras se poden asignar: serve tanto de entrante, como de prato principal ou postre xa que se poden combinar con torrezos, chourizo, mel, leite, azucre…

En Carnaval, as chulas de pan vello con ovo e cocidas en leite son tamén unha excelente fonte de enerxía para combater o frío e o cansazo. E, por suposto, en terra de pescadores, os pratos con troita e salmón que preparan os restaurantes e as casas rurais do concello son fundamentais para degustar o celme da Pontenova.

Entre todas estas bondades, a localidade mariñá loita, como moitos outros lugares do rural de Galicia, por recuperar parte da vida que buliu polas súas rúas e os seus lugares hai tan só unha ou dúas décadas. A multitudinaria Subida automovilística -que este ano celebrou a súa sexta edición-, a festa da malla en agosto, a lenda do Triángulo dos Trasnos en Vilarxubín ou a cea de paella que organiza o Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) cada verán son ideas que pretenden impulsar a zona para que non esmoreza e recupere o fulgor de antano.

Comentarios