Anxo Pintos, componente de Berrogüetto: ''Pontevedra é unha cidade moi especial para Berrogüetto''

Berrogüetto
photo_camera Berrogüetto

Cun concerto enmarcado na programación das festas da Peregrina, a formación galega volve a Pontevedra para dar un repaso aos seus 18 anos de traxectoria musical. Deleitarán ao público da Boa Vila coas seu folk cun toque diferente, melodías recoñecidas no mundo enteiro.

Anxo Pintos, un dos compoñentes da formación folk Berrogüetto, que esta noite tomará o escenario da Praza de España para deleitar ao seguidores dese tipo de música coas súas melodías.

En primero lugar, Anxo. ¿Qué significa a palabra 'Berrogüetto'?

É unha palabra de síntese que colle tres lexemas: 'berro', 'soweto' e 'guetto', e ven a significar algo así como 'berro dos oprimidos'.

¿Que se vai a atopar o público hoxe no seu concerto?

A audiencia atoparáse o que sae do alambique no que se convertiron estes 18 anos de experiencia musical dos membros do grupo. O groso do concerto estará constituído polas cancións do noso último disco, 'Kosmogonías', e por outra banda tocaremos un surtido importante dos temas que nos axudaron a facer o noso percorrido todos estes anos.

¿Como definiría vostede a música de Berrogüetto? ¿Por qué fan vostedes unha música folk tan diferente do habitual?

A nosa música provén, sobre todo, da heteroxeneidade de gustos que están presentes dentro do grupo. Como temos orixes musicais e estéticas diferentes, cando as poñemos en común, ben sexan dun compositor ou melodías tradicionais, ao final sempre que recreamos un arranxo acaban saíndo as distintas sensibilidades.

¿Como é o proceso de creación dunha nova canción, tendo en conta toda a mistura de estilos que hai dentro da formación?

Hai tantos procesos como persoas hai no grupo. Despois de tanto tempo, cada un sabe moi ben que tipo de melodías van a encaixar dentro da estética do grupo e cales non. Basicamente o sistema que temos é que cada un de nós trae as súas composicións inacabadas para que cada membro faga algunha achega persoal á mesma é, por outra parte, recreamos melodías do ámbito da música tradicional galega, que teñen unha riqueza e unha valía que está recoñecida no mundo enteiro. Finalmente, onde se acaba de cociñar todo é nos ensaios, que é onde ocorre a maxia de transformar todos eses ingredientes en crú para convertilos no resultado que se pode ver nos discos e nos directos.

Falando un pouco sobre vostede, coñécese que toca varios instrumentos. ¿Cal é o seu preferido?

Non che podo dicir o meu favorito, pero si ao que máis esforzo dedico durante os últimos anos. Ese instrumento é a zanfona. Aparte de tocala en Berrogüetto, dou clases dela na escola de música folk e tradicional de Vigo e despois tamén estou ao frente da responsabilidade da sección de zanfonas da orquesta ‘Son de Seu’. Pero tampouco me olvido de todo o que me aportou a gaita, que foi o meu primeiro instrumento, nin do violín e o saxofón.

¿Como valoran que o grupo poida ser considerado como un embaixador da música galega polo mundo?

A verdade é que é un privilexio e unha honra ver o impacto que puido ter a nosa música ao longo destes 18 anos, tanto en Galicia como alén das súas fronteiras. Non podemos máis que sentirnos agradecidos por ter chegado onde a nosa música nos foi colocando. Por outro lado, coidamos que hai moita xente que está facendo música realmente boa, con propostas fantásticas, e vemos que ás veces non consegue o alcance que merece, por iso falo de privilexio e agradecemento, porque aínda que as cousas suceden polo traballo e esforzo, tamén hai que ter un pouco de fortuna.

No tocante ao futuro, ¿teñen previsto sacar un novo álbum?

Cando acabe a xira de concertos de verán xa nos meteremos de cheo a producir o seguinte traballo discográfico, e niso centraremos os nosos esforzos.

¿Pode adiantarnos algunha cousa?

(Risas). Todavía estamos no 'brainstorming' en canto ao 'leitmotiv' do disco, e dos materiais e a estética que queremos utilizar no novo álbum.

E da música en xeral, ¿como ve o panorama? ¿A subida do IVE cultural afectou moito a industria?

O problema de poñer o IVE a un 21 por cento é que estamos nun momento no que a iniciativa pública prácticamente desapareceu e o que queda é o sector privado. En moitos casos pasa porque os grupos arrisquen e fagan única e exclusivamente concertos a taquilla. Pode imaxinar que para a maioría de grupos facer unha actuación conleva o aluguer dunha sala, dun equipo de sonido e tamén de toda a luminotecnia máis os gastos loxísticos, de seguridade social e do IVE. Unha vez descontado todo iso, os músicos comezan a repartir o que queda. Así que dunha entrada duns 15 euros, o que lle queda ao músico é unha terceira parte, e no caso de Berrogüetto telo que dividir entre sete membros, máis técnico de sonido e manager. Parece que queren acabar directamente co sector. Non sei se é resultado de que o mundo cultural foi incómodo para algunhas faccións políticas, pero isto ven a supoñer un duro golpe para o sector.

¿Vostede que opina das plataformas musicais para escoitar música en 'streaming'?

Ten os seus pros e contras. Por unha parte permite que público de todo o mundo poida acceder á túa música, e por outra, non supón, dende o punto de vista económico, ningún tipo de beneficio. As cantidades que poden chegar a xerar para os grupos son irrisorias. Seguimos esperando a que iso que tanto se comenta de que internet é o futuro se convirta en presente dunha vez por todas.

Xa para rematar, non é a primeira vez que van actuar en Pontevedra. ¿Teñen algunha lembranza en especial?

Pontevedra é unha cidade moi especial para Berrogüetto. Aínda lembramos o último concerto que demos nas festas da Peregrina e tamén estreamos o noso último disco na cidade. Asimismo, queremos ter unhas palabras de recoñecemento para a sensibilidade que o Concello de Pontevedra amosou na programación cultura anual en relación coa música galega de calquera tipo de xénero.

Comentarios