Pontevedra lémbrase este ano de Valle-Inclán

A Fundación do escritor celebra por primeira vez o 28 de outubro na cidade ► A Xunta avanza para o 150º aniversario do seu nacemento unha gran programación, na que o Museo xogará "o papel que lle corresponde"
Carlos Valle, Anxo Lorenzo, Anxos Riveiro, José Juan Durán e Fátima Rey xunto á escultura de Valle-Inclán
photo_camera Carlos Valle, Anxo Lorenzo, Anxos Riveiro, José Juan Durán e Fátima Rey xunto á escultura de Valle-Inclán

Pontevedra acolleu este mércores por primeira vez a ofrenda floral que a Fundación Valle-Inclán realiza cada ano co gallo do aniversario do nacemento do escritor de Vilanova de Arousa. A actividade, que tivo lugar ao pé da escultura do autor na Praza de Méndez Núñez, serviu para que a Xunta de Galicia avanzase que, de cara ao ano que vén, cando se festexe o 150º aniversario de Valle, se está a preparar unha gran programación de actividades, na que o Museo Provincial "xogará o papel que lle corresponde", en palabras do vicepresidente da Fundación, José Juan Durán.

Durán exerceu de anfitrión do 149º aniversario, un acto no que tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e a directora da Escola de teatro Valle-Inclán, Fátima Rey, que representou un anaco da obra de teatro ‘La marquesa Rosalinda’. Entre os asistentes estaban o director do Museo Provincial, Carlos Valle; o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará; a concelleira de Ciudadanos en Pontevedra, María Rey, e unha amplísima representación do Partido Popular Local que incluíu a cinco dos seus sete concelleiros. "Non é que se tardara en facer esta homenaxe a Valle-Inclán en Pontevedra. Nós temos moi presentes aos cinco concellos valleinclanianos, como recollen os estatutos da Fundación, que son Vilanova, A Pobra do Caramiñal, Cambados, Pontevedra e Santiago, o que pasa é que sempre se primou o papel do seu berce", explicou Durán preguntado polos motivos de non ter celebrado nunca antes a ofrenda en Pontevedra. "Pero este ano, para iniciar esta conta atrás de cara ao 150º aniversario, eliximos Pontevedra".

Neste punto, Anxo Lorenzo aproveitou para anunciar unha gran programación cultural da Xunta arredor da figura de Valle-Inclán en 2016. "Este ano é o prolegómeno do 150º aniversario. Xa está habendo moita actividade que está anticipando a efeméride, por exemplo esa biografía que escribiu o seu neto Joaquín, que moitos expertos consideran xa a biografía definitiva do autor. Ou esa exposición do Consello da Cultura Galega que hoxe se inaugura en Vilanova de Arousa e que leva itinerando dende o ano pasado. Todas elas, precuelas do que será o grande ano valleinclaniano".

Nese ano, segundo dixo Durán, Pontevedra será clave. "Entre outras cousas o Museo Provincial, que atesoura fondos moi importantes, xogará o papel que lle corresponde".

O CONCELLO. Pouco máis se avanzou dunha programación na que, segundo Anxo Lorenzo, se está a traballar con distintas asociacións e concellos para que sexa "inclusiva e o máis ampla posible". Anxos Riveiro apuntou que Pontevedra é un deles. "Quede claro o noso agradecemento pola invitación a participar neste acto e quede igualmente clara a disposición do Concello a colaborar tanto coa Xunta como coa propia Fundación en calquera actividade que estimen oportuno. As nosas portas están abertas". O que non baralla polo momento o Concello é organizar actividades pola súa conta. "Estamos a disposición das dúas institucións máis involucradas na efeméride porque o fundamental é a coordinación e aproveitar sinerxias. O que nos importa é dar a coñecer a vinculación de Valle con Pontevedra".

Comentarios