Pontevedra tamén é terra de músicos

PON3103P60F7.JPG
photo_camera PON3103P60F7.JPG

O proxecto de recuperación do patrimonio musical galego que realiza Milagros Bará rescata imaxes inéditas de pontevedreses ilustres como Felipe Paz Carbajal ou Manuel Pintos

«O máis emocionante da exposición era ver á xente identificando aos personaxes das fotos», conta Milagros Bará. «O proxecto, en definitiva, vai tamén un pouco diso, de reivindicar a todas esas figuras da música popular galega, de darlles o seu sitio».

Aínda sen cifras oficiais de visitantes, a mostra ‘Galicia, terra de músicos’, que se puido ver no Museo Provincial de Pontevedra entre o 8 de febreiro e o 16 de marzo, foi unha das que máis expectación levantou este ano na capital da provincia. Composta por máis dun cento de imaxes, ademais de partituras, instrumentos e outros documentos, a exposición veu a ser o primeiro achegamento público ao proxecto de recuperación do patrimonio musical galego, que a pontevedresa Milagros Bará coordina a través dunha convocatoria aberta en Internet dende hai catro anos e a través da que reuníu máis de 3.000 documentos.

Segundo destaca a propia Bará, entre o máis importante daquela mostra do Museo estaba a posibilidade que se lle brindaba ao visitante de completala a través de códigos QR (imaxes codificadas que se poden ler a través de dispositivos móbiles) que enlazaban cunha ampliación de contidos, «fotografías que igual non se puideron colgar no Edificio Sarmiento por non ter a calidade suficiente para ser impresas, por exemplo, pero polas que si se pode curiosear perfectamente en formato dixital». Non existen moitos precedentes ao respecto. «Probablemente sexa unha experiencia expositiva insólita nos museos galegos, si», confirma Milagros Bará.

Itinerancia

Os códigos QR reaparecerán na itineracia que ‘Galicia, terra de músicos’ ten previsto realizar este ano por Ourense e pola Coruña ademais de polo Museo do Pobo Galego en Santiago. O interese por esta recompilación de información sobre a historia non escrita da música galega, realizada a través de achegas particulares, foi en aumento dende que se celebrou a exposición en Pontevedra.

Aparte do interese das institucións, Milagros Bará resalta o interese de persoas individuais, que realizan achados constantes dentro do proxecto. Ela pon como exemplo o caso da provincia de Pontevedra, moi presente en ‘Galicia, terra de músicos’. A mostra que se puido ver no Museo incluía, entre outras cousas, varias imaxes inéditas, ademais de reunir por primeira vez as zanfonas de Perfecto Feijóo e exhibir a vocalina que inventou o cotobadense Severino Pérez Vázquez ou a única ocarina que se conserva do grupo de dirixía Paz Carbajal.

«Entre as fotos inéditas que formaron parte da exposición estaban, por exemplo, a do propio Felipe Paz Carbajal e a de Antonio Iglesias Vilarelle», conta Milagros Bará. «A elas hai que engadir outras, tanto ou máis importantes, por tratarse de retratos semidescoñecidos ou moi curiosos de Carlos Sobrino, Manuel Quiroga ou Francisco Landín Pazos».

Mentres se vai planificando a itinerancia da mostra, que aínda non conta con datas pechadas, Bará realiza un dos traballos máis importantes do proxecto: a documentación de cada imaxe. «Quen aparece nela, cando e onde».

Áurea Rodríguez

Fóra de ‘Galicia, terra de músicos’, pero tamén relacionada dalgunha maneira coa iniciativa, está a outra investigación que Milagros Bará leva a cabo nestes momentos. É para o proxecto ‘Album de Mulleres’, do Consello da Cultura Galega e está centrada na primeira muller gaiteira da que se ten coñecemento en Galicia: Áurea Rodríguez.

«Agora mesmo estou metida de cheo niso, intentando localizar toda a información e todas as fotografías posibles sobre esta ourensana, que chegou a ser toda unha figura a principios do século XX e mesmo actuou en Sudamérica», conta Bará, «ademais de tocar nas festas da Peregrina de 1920».

Comentarios