Martes. 12.12.2017 |
El tiempo
Martes. 12.12.2017
El tiempo

A cidade de Pontevedra ten nome de muller

Ernestina Otero Sestelo
Ernestina Otero Sestelo
O Concello propón adicar o vial que hai fronte á Facultade de Cienciais Sociais á profesora Ernestina Otero e que a sala de exposicións do Pazo rinda homenaxe á pintora Maruja Mallo

Galeguizar e feminizar edificios e espazos públicos en Pontevedra. Este é un dos obxectivos que persegue o Goberno local, que este mércores puxo enriba da mesa da comisión de Cultura unha nova proposta á oposición: adicar o vial que hai fronte á Facultade de Ciencias Sociais á profesora e pedagoga pontevedresa Ernestina Otero Sestelo e que a sala de exposicións do Pazo da Cultura teña o nome da pintora Maruja Mallo.

A iniciativa do grupo do BNG, anunciada este mércores pola concelleira de Dinamización Cultural, Carmen Fouces, será estudada polo resto de forzas. PP, PSOE, Marea e Ciudadanos deberán decidir no vindeiro Pleno municipal se apoian esta medida.

Fouces anunciou tamén que a homenaxe a Ernestina Otero será consultada coa Universidade de Vigo. A intención é que o nome desta mestra perviva no tempo no campus pontevedrés, en forma de praza ou avenida no grupo de viais comprendido entre os edificios de Ciencias Sociais, Ciencias da Educación e Forestais.

O último cambio de nome previsto no rueiro afecta a Fernández Ladreda, que se rebautizará co nome de María Victoria Moreno

"Aínda que Maruja Mallo non é pontevedresa, vemos pertinente que o seu nome se use para a sala de exposicións do Pazo, a mellor de Galicia", destacou a edil nacionalista.

FRANQUISMO. Os cambios de denominación impulsados polo Concello afectarán tamén a rúas que fan referencia a personalidades vinculadas ó franquismo. Entre elas figura a avenida de José María Fernández Ladreda y Menéndez Valdés, quen fora ministro durante a ditadura. O seu vial rebautizarase co nome de María Victoria Moreno, escritora extremeña que viviu en Pontevedra durante 40 anos e a quen se lle adicará o Día das Letras Galegas en 2018.

As mulleres represaliadas tamén teñen un oco no rueiro pontevedrés. Así, Josefina Arruti Viaño posúe unha avenida de nova planta, a que se construíu como parte do desdobramento da avenida de Vigo. A que fora compañeira do alcalde de Pontevedra Bibiano Fernández Osorio Tafall foi encarcerada e sometida a arresto domiciliario durante tres anos.

A galeguización e feminización dos espazos públicos da cidade prodúcese despois do último acordo do Concello que, en 2005, aprobou unha declaración a favor do uso da toponimia tradicional na denominación de vías públicas, un criterio que se utilizou durante dez anos.

A cidade de Pontevedra ten nome de muller