Pontevedra xa presume do premio Cittaslow

Lores recibiu o galardón de mans do alcalde da localidade coreana de Jeonju polas boas prácticas en mobilidade ►Ambos rexedores locais asinaron un acordo de colaboración para promover os intercambios entre as dúas cidades
Miguel Anxo Fernández Lores ofreceu unha conferencia sobre modelo urbano
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores ofreceu unha conferencia sobre modelo urbano

O Concello de Pontevedra xa ten no seu haber un novo recoñecemento ó modelo urbano. A cidade coreana de Jeonju recoñecía onte á cidade do Lérez polas súas boas prácticas en mobilidade. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, recibiron o galardón das mans do alcalde de Jeonju, Kim SeungSu. O rexedor local agradeceu que se teñan acordado da cidade do Lérez para recibir o primeiro galardón que entrega esta entidade internacional e animou ós presentes "a seguir traballando para devolver ás cidades aos seus veciños".

Obxectivo O alcalde surcoreano Kim Seungsu asegurou que pretende converter a Jeonju en Pontevedra no prazo de tres anos

Novos concellos
 Outros concellos de Corea están interesados en coñecer o modelo de Pontevedra para aplicalo no país asiático 

Premiados
 Tamén foron galardoadas co Cittaslow as vilas de Katoomba (Australia) e Asolo (Italia) polas súas prácticas sectoriais os cidadáns

A entrega tivo lugar no marco da celebración do Jeonju World Slowness Forum & Awards 2017, que leva por título O mundo pregunta, Jeonju resposta e que se celebrou onte na cidade coreana. No acto, celebrado na antiga escola confuciana Jeonju Hyanggyo, o alcalde de Jeonju volveu mencionar a Pontevedra como a cidade do século XXI e recibiu os parabéns do fundador da corrente Cittaslow, o italiano Paolo Saturnini.

Xunto a Pontevedra, tamén foron galardoadas as vilas de Katoomba (Australia) e Asolo (Italia) polas súas prácticas sectoriais.

Colaboración. A visita do alcalde de Pontevedra a Jeonju serviu tamén para estreitar lazos coa cidade surcoreana. Así, os representantes locais de ambas as dúas vilas asinaron onte un acordo de colaboración para traballar na promoción e cooperación de intercambios nos ámbitos dos intereses de ambas cidades e no cumprimento dun memorandum de entendemento para cidades amistosas, a fin de fomentar a amizade entre os seus cidadáns.

Fernández Lores foi recibido por Kim SeungSu no vestíbulo do concello de Jeonju e posteriormente mantiveron unha conversa no seu despacho sobre como facer de Jeonju unha cidade para as persoas. Kim SeungSu asegurou que ten como obxectivo converter a Jeonju en Pontevedra no prazo de tres anos. Tamén relatou a oposición dunha parte da cidadanía contra este proxecto que xa ten en marcha en distintos puntos da cidade, especialmente nos ámbitos históricos.

Tamén lle manifestou o interese de moitos concellos de Corea en coñecer o modelo de Pontevedra para aplicalo no país asiático. Fernández Lores convidounos a visitar a cidade do Lérez e comprometeuse a axudalos na medida das posibilidades e da dispoñibilidade do Concello.

Durante a reunión, Kim SeungSu amosoulle a Fernández Lores un vídeo sobre Jeonju Moments of Jeonju. Tras asinar o acordo, ambos mandatarios intercambiaron agasallos tradicionais das súas cidades. O alcalde de Pontevedra entregoulle un prato de Sargadelos co escudo de Pontevedra, e recibiu a figura dun tigre tradicional, considerado un amuleto para afastar os malos espíritos e para previr os incendios. Explicoulle Fernández Lores a SeungSu que "é algo do que estamos moi necesitados en Galicia, porque alí hai moitos lumes".

O rexedor de Jeonju entrega o premio Cittaslow a Miguel Anxo Fernández Lores e a Daniel Macenlle

Comentarios