Portugal non é noso

Lurdes Rodrigues, ministra de Educación de Portugal, anunciou a pasada semana un acordo coa rexión de Estremadura para que docentes desta comunidade ensinen castelán en Portugal mentres que profesores lusos darán aulas de portugués nas escolas estremeñas.

O anuncio realizouse na XIX Conferencia iberoamericana de educación que se levou a cabo en Lisboa e abre portas a un entendemento similar con Brasil que suporía, entre outros, grandes oportunidades de emprego. Estremadura da así un paso máis adiante para gañar peso na interlocución con Portugal sumando ideas e propostas á súa condición raiana mentres Galicia reduce a súa significación global.

A ministra dixo tamén que este primeiro acordo sentará un precedente que se podería estender a Castela-León e despois a Andalucía, enfatizando o que é un berro a voces (Portugal non é só cousa nosa), especialmente cando, acomodados, deixamos o campo aberto a iniciativas valentes e proveitosas que reverten en beneficio mutuo.

A nova Xunta precisa con urxencia repensar as relacións co país veciño definindo unha estratexia que faga da eurorrexión o articulador dun novo mapa de contidos, superador desa dimensión comunitaria que lle deu forma no pasado, que identifique as vantaxes comparativas comúns e sinale espazos para unha acción conxunta capaz de sacudir o marasmo e a inercia que condiciona moitas das nosas liñas de traballo dos últimos tempos e que non permitiron o substancial, aproximar as cidadanías respectivas cun enfoque non só de intercambio senón tamén de exploración dunha identidade na que abundan os trazos compartidos.

Crendo un pouco nas bondades desa relación e cun enfoque minimamente creativo pero menos dependente da necesidade de escenificar grandes titulares e, pola contra, confiando no poder sinérxico das pequenas accións, podemos acadar ese novo status nas relacións bilaterais tirando proveito do famoso plus que debería facilitarnos o entendemento.

A capacidade de concertación interna é, neste aspecto, un valor irrenunciable para lograr esa posta a punto nas relacións bilaterais que permita sumar as múltiples iniciativas dispersas que tanto abundan neste eido e orientalas nunha mesma dirección, que debe transcender non soamente o feito sectorial senón tamén o estritamente territorial para proxectarse no mundo global, tanto no iberoamericano como no iberoafricano.

Comentarios