Pregar por empregar

Xa saben que ZP ten sona entre os medios de manipulación da dereita máis ridícula dos últimos tempos –que tamén hai dereita razoábel e mesmo ten algún medio afín, pero como falan e non ladran, dá a impresión de que se lles escoita menos- de ser a reencarnación de Lenin ou pouco menos. Que digo de Lenin? Do mausoleo completo. Algúns xa fitan nel ao Anticristo. Que digo o Anticristo? O Antiportal de Belén completo, mula e boi incluídos. Pero xa quedou demostrado con reiteración que non é nin tanto así.

O único que fixo foi ser politicamente valente dando pasos no eido do social que eran auténticos tabús para opusinos, quicos, ce-eles e outras especies que arestora infestan (e infectan) a vila e corte española. Pero polo demais, res de res, que diría o paiés. Non só polos non poucos tabús de sacristía que aínda quedan por desmontar, senón porque non desmontou case ningún ou ningún dos máis comprometidos: os tabús de economía.

Claro que, se comparamos a ZP co seu antecesor ideolóxico no cargo, Felipe González, entón evidentemente o primeiro non só pasa por ser un político de esquerdas, senón case por un líder libertador, mesmo sen vocación de selo. Se a alguén lle escoitei na miña vida dicir frases non só conservadoras, senón mesmo un chisco reaccionarias, ese foi a Felipe González: Unha delas defínese por si soa: “Vivimos no mellor dos mundos posíbeis” (hai algo máis reaccionario que negarse a admitir que todo pode progresar e mellorar?).

E agora, doce anos despois de deixar o cargo e 26 despois de facer aquela célebre promesa nunca cumprida dos 800.000 postos de traballo, ceiba outra perla: “Prometín crear 800.000 postos de traballo e destruíronse 800.000. Calei para sempre, porque o emprego dano os empregadores e non o Estado”.

“O emprego dano os empregadores”… Aínda desaquelado polo efecto de semellante reflexión, a min só se me ocorren dúas explicacións: ou o autor desta hipótese con vocación de axioma ten uns esquemas mentais máis simples có meu historial nas perruquerías, e de certo que non é o caso, ou estamos diante dunha das expresións do liberalismo neocón máis salvaxes que se oíron nos últimos tempos. Ou sexa, “o emprego dano os empregadores”.

Como eles queiran, nas condicións que eles queiran, e por suposto o Estado o único que ten que empregar é o célebre “laissez faire, laissez passer”. As políticas de emprego daquela non xeran traballo, un Goberno non é quen de encetar marcos legais ou sociolaborais nos que se saiba conxugar a promoción do emprego coa estabilidade laboral, ou a protección ás pequenas e medianas empresas fronte aos posíbeis abusos dos grandes monstros da economía.

Un Goberno ten que ficar de brazos cruzados fronte aos “tixolazos”, pelotazos urbanísticos, especulacións do chan e economías sumerxidas. Un Goberno ten que permitir os abusos dos bancos, e se son eles os que finalmente rematan por caeren vítimas das súas propias cartas marcadas, non só non hai que sancionalos, senón que mesmo hai que lles botar unha man.

Claro, agora con visión retrospectiva, un explícase moito do que acabou ocorrendo nos derradeiros anos da manda de González: os “yuppies” primeiro e os pelotazos despois. El mesmo vén de nos dar a explicación: “O emprego dano os empregadores”.

Pois como nos queden moitos mandatarios con ese espírito, como se di liturxicamente, “preguemos”. Preguemos polo emprego, preguemos polos gobernantes que simplesmente se limitan a observar como medra (ou como merda) a economía, sexa a costa do que sexa.

E preguemos para que, os que veñan a partir de agora, tomen lección do que acontece cando os gobernantes non se senten responsábeis do que pasa co emprego. Porque o conto non é prometer cifras, senón encetar presente e futuro. E iso non o fan só os “empregadores”.

Comentarios