Premiado en Siberia o escultor de madeira con motoserra Marcos Mariño

O artista de Arcade brillou con luz propia no Festival da Machada de Tomsk
Marcos Mariño, traballando na súa obra para o certame
photo_camera Marcos Mariño, traballando na súa obra para o certame

O tallista Marcos Mariño Seoane, veciño de Arcade, vén de participar na X Festa de Machada da cidade rusa de Tomsk, un certame internacional que abrangue competicións de múltiples disciplinas, coma ferraría, olaría ou carpintaría tradicional. A súa categoría, a escultura con motoserra, unha disciplina artística aínda descoñecida en Galicia pero que goza de gran popularidade en países coma Estados Unidos, Alemaña ou a propia Rusia.

Mariño Seoane competiu contra outros 40 escultores con motoserra chegados de todo o globo, dende Asia Oriental ata América Latina. O soutomaiorense, patrocinado pola marca sueca de motoserras Huqsvarna, accedeu ó exclusivo certame a través de invitación, debido á notoriedade do seu traballo en Galicia. De feito, foi o único representante español que tomou parte na competición.

Durante todo o evento, ó que acudiu cos gastos pagados, estivo asistido por traductores e guías proporcionados pola organización, e destacou a hospitalidade recibida e o bó ambente. Sen embargo, debido a unha intoxicación alimentaria sufrida por uns 100 asistentes á proba, o acceso ó público tivo que ser restrinxido durante algúns días e, aínda que non se suspenderon as competicións, o evento foi acurtado e varias celebracións foron canceladas.


"
O máis complexo foi tallar o corpo completo da fada, cas ás incluídas, nun só tronco de madeira, en vez de pegar varias pezas distintas"


Estas circunstancias obrigaron a modificar o sistema de clasificación inicial, posto que as pezas tiveron que ser valoradas antes de que puideran estar completamente rematadas. Para suavizar as desvantaxes que se puideran derivar de esta situación, os premios dividíronse en tres categorías máis amplas: o gañador, un primer grupo destacado correspondente ó resto de primeiros postos e un segundo grupo destacado para aqueles clasificados entre os postos 10 e 18. Marcos Mariño foi premiado dentro de esta terceira categoría, recibindo un diploma e 15.000 rublos, uns 215 euros.

O escultor de Arcade destacou o elevado nivel do resto de participantes e mostrouse contento ca posición acadada, xa que foi a súa primeira vez nunha cita de estas características. Tendo en conta a ampla tradición na disciplina existente noutros países, o resultado é moi satisfactorio . O artista sinalou que "foi un bó test para medir o nivel" e confía en optar a mellores posicións nun futuro próximo.

A obra presentada polo soutomaiorense consistiu nunha escultura dunha fada, e sorprende polo gran nivel de detalle acadado cun instrumento tan pouco asociado á sutileza como é a motoserra. Elixiu esta figura polo énfase na natureza e a simboloxía do bosque propia do festival. A maior dificultade foi tallar a obra completa nun só tronco de madeira, sen recurrir a pegar outras pezas distintas. Isto aumentou o nivel de dificultade, especialmente á hora de facer as ás da fada sen que se rompese a madeira. Trátase dunha preferencia persoal, afirma Marcos, que foi así mesmo valorada positivamente polos xuíces do concurso.

En palabras do artista, "tamén aprecian moito que os participantes estranxeiros fagan esculturas con motivos propios do seu país de orixe; o ano que vén podería facer un gaiteiro ou unha pandereteira". E é que Marcos xa foi convidado a participar na edición do ano que vén. Polo de agora, a próxima competición que enfrontará será en febreiro, noutro extremo do planeta: o Simposio Internacional de Escultura de Timuco, Chile.

Comentarios