Premio para os honrados

Esta semana sorprendeume unha noticia anunciada polo goberno portugués. Resulta que cada semana van sortear un coche de luxo entre todos aqueles cidadáns que presenten facturas legais. Din as crónicas que en Portugal hai un problema serie de evasión de impostos, especialmente do IVA que alí é dun 23%. O goberno, para evitar este fraude necesita da complicidade dos empresarios que emiten as facturas , pero sobre todo dos clientes que deben esixila para garantir que todo é legal. Por iso, a facenda portuguesa decidiu premiar a modo de lotería a unha persoa entre todas as que presenten o documento con todos os datos correctos. Que queren que lles diga. Quedei atorado. Por un lado, resúltame ben curioso que o mecanismo de loita contra a evasión fiscal sexa unha lotería, que por certo lle vai custar os portugueses dez millóns de euros anuais. Por outro, quedei aínda máis abraiado cando o premio é xustamente o elemento antitético da austeridade, como é un coche de luxo. Un regalo, por certo, que chega con certo veneno porque alí os coches de luxo están moi gravados por numerosos impostos. Observe que en España tamén se está reflotando todo o concepto de ilusión pola lotería e polos cartos que choven nun golpe de sorte. Se se fixan, os anuncios das diferentes loterías do Estado inciden constantemente en cousas como «buscamos valentes que saiban o que facer cos seus cartos» ou «sabemos que che gusta o luxo e por iso debes xogar á lotería». Coido que son mensaxes equivocadas, especialmente nestes tempos onde estamos todo o día falando de esforzo, emprendemento, capital-risco, .... Non tería nada que dicir se esta dualidade fose máis ou menos espontánea, pero o certo é que son os propios gobernos os que nos din pola mañá unha cousa e pola tarde fan outra. Hai uns anos tiven que ir peregrinando polos bancos para que me deran un crédito hipotecario para mercar o que hoxe é a miña casa. Sorprendeume a franqueza do director dunha sucursal de La Caixa que entendeu mellor ca ninguén os meus temores sobre o futuro e a miña preocupación por algún golpe que a vida me puidera dar e non poder pagar o recibo mensual. A súa resposta foi moi clara: «se non podes pagar, debes vender o piso como sexa, incluso mal vendendo. Nunca esperes a que che toque a lotería, porque iso non vai pasar». Os gregos, ha xa dous mil anos, solucionaban os problemas dos protagonistas teatrais co famoso «Deus ex machina», ou o que é o mesmo, a intervención divina para solucionar os líos humanos. Esa fórmula hoxe transformouse en lotería, pero creo que non é unha boa idea que os gobernos deixen en mans da fortuna a obrigatoriedade de ser honrados. O compromiso social da cidadanía non debe sortearse, senón impoñerse. Neste proceso non debemos pensar só en sancións e escarnio, senón tamén en educación. A pouco que nos fixemos en países con fonda tradición de solidariedade social, coma os nórdicos, entenderemos que o mellor sistema para non defraudar é que os cidadáns entendan que se están roubando a si mesmos.

Comentarios