Prenadal

O Nadal empeza a tomar forma. Non hai aínda escenas nevadas, o frío non morde a cara, nin se escoita música especial. Todo se andará. Pero as rúas empezan a ulir a castañas e xa se pode contemplar unha exposición de doces a xeito de empacho visual. Lambetadas que acabarán derretidas antes de tempo no padal dun larpeiro ou apertadas na despensa entre
figos e uvas pasas. Os escaparates cada vez con máis antelación deixan signos inequívocos do que se aveciña. Mesa e mantel en total look, que este ano a crise viste de tons neutros, pero acentúa os soños, os únicos capaces de colorear este escenario desencantado.

Na TV unha voz en off masculina, case de veludo, parece anunciar o primeiro spot da lotería. Podería ser aquel no que o actor británico Clive Arrindell enfeitizaba o espectador vestido co seu eterno abrigo negro. No percorrido publicitario, silencioso e sen memorizar guión, pero cunha mirada intensa que traspasaba a pantalla, o calvo da lotería ía facendo realidade os soños da xente que atopaba a golpe de magnetismo.

Pero non... A Arrindel hai tempo que lle rescindiron o contrato en España, e a voz de veludo fala de algo relacionado coa campaña electoral.

Comentarios