Paz Lago: ''Preocúpame que os veciños crean que co colexio de Vilalonga botamos balóns fóra''

É unha das integrantes do Goberno local con máis experiencia (leva unha década dirixindo o seu departamento). Lago asume as críticas relacionadas co retraso que acumula o proxecto da nova escola do Revel e é comprensiva co malestar da comunidade educativa, pero móstrase convencida de que esa actuación acabará sendo unha realidade

a axenda da número dous do Partido Popular de Sanxenxo divídese entre as súas obrigas como concelleira e as viaxes que cada semana ten que realizar ao Congreso. Paz Lago fica na capital de España tres días á semana, algo que en máis dunha ocasión foi criticado pola oposición. A concelleira de Cultura e Educación deféndese asegurando que o contacto con colectivos culturais, sociais e educativos é permanente e puntualiza que os reproches non afectan á súa disposición cara os veciños. «A miña porta sempre vai estar aberta, existan críticas ou non», sinala, á vez que fai un repaso á situación actual do CEIP Cruceiro.

Que balance fai destes dous últimos anos de xestión á fronte das súas concellerías?

Estamos vivindo unha época na que nos tocou tomar decisións moi importantes dentro dos nosos departamentos. Comezamos o novo mandato aplicando medidas difíciles, como a supresión do transporte gratuíto para as actividades extraescolares ou a retirada de subvencións para as ANPAS. Son decisións que se aplican para intentar manter outros programas que teñen unha demanda veciñal moi importante e sacar adiante novos servizos e infraestruturas como a Escola de Educación Infantil de Vilalonga.

A situación do novo colexio de Vilalonga é o gran debe da Administración local no que ao sector educativo se refire?

Levo como concelleira desde o ano 2003 e o compromiso acadado coa Xunta de Galicia para levar adiante este proxecto foi firmado no 2006. A actuación non corresponde ao Goberno local, pero si é certo que estamos en 2013 e que xurdiron novos problemas cos terreos. De 11.000 metros cadrados pasamos a contar con 5.000. Aínda así, hai que valorar o esforzo que fixo a Consellería de Educación para redactar un novo proxecto que dese cabida a toda a infraestrutura a pesar da reducción. Será necesario obter novas parcelas. Pero podo asegurar que mantemos o compromiso de construír un novo colexio en Vilalonga. É unha demanda da comunidade escolar que compartimos plenamente.

Cando o Concello explica os atrasos que acumula a actuación refírese a situacións como a adaptación ao Plan de Ordenación do Litoral (POL) ou ás dificultades para obter os terreos necesarios... Pode parecer que están botando balóns fóra.

Preocúpame que exista esa visión por parte dos veciños. Son consciente de que o único que queren os pais é o mellor para os seus fillos. Neste caso, iso pasa por contar cunhas instalacións en boas condicións que garanticen a súa ensinanza e educación. É certo que existe un atraso de varios anos e é lóxico que se sintan disgustados. A Consellería da Educación mantén o seu compromiso de sacar este proxecto adiante. Polo que respecta ao Goberno local, nós estamos para axudar á comunidade escolar no que poidamos.

Tendo en conta que o novo colexio non vai estar operativo a curto prazo, por que non se acometen reformas para mellorar as instalacións actuais do CEIP Cruceiro?

Cando se decide construír as novas instalacións é precisamente porque así o esixe a situación do colexio actual. Esas reformas (unha nova instalación eléctrica, por exemplo) terían que levarse a cabo se non se acometese a posta en marcha dun novo centro educativo. Coa situación económica actual é imposible afrontar ambas actuacións. Falamos coa comunidade escolar e deixamos claro que a nosa aposta era sacar adiante o novo colexio. Pero iso non quere dicir que a Concellería de Educación non asuma as reparacións habituais que se fan en calquera escola. Eses traballos fanse de forma inmediata.

Consiga AQUÍ a entrevista completa

Comentarios