Prestige versus prestixio

Nótase que navegamos por augas pre-electorais, e de que xeito. Calquera cousiña, por cotiá que pareza, xa serve para remexer na cunca do rival a ver canta merdallada podemos atopar.

Claro que se tomamos iso como deporte no canto de como exercicio de racionalidade –sen sermos moi esixentes neste eido, que temos o que temos e éche o que hai-, corremos o risco de que as nosas estratexias rematen por se revirar na nosa contra e, no canto de enmerdellar ao outro, sexamos nós os que rematemos até as cellas de chapapote.

E de chapapote vai o conto. Que lles vou contar que non saiban xa do tema ‘Prestige’ (xa é un sarcasmo o nomiño que lle deron á casca de noz que mudou para sempre en certos ambientes a acepción de “fíos de plastilina”).

Ben, pois como coido que coñecen, estes días rexurdiu de novo á actualidade por mor do informe da Avogacía do Estado que pide a exculpación do único alto cargo imputado penalmente por aquel nefasto episodio, o daquela director xeral da Mariña Mercante. E sorprendendo a propios e estraños, o PPdeG aproveita o documento para pedir a PSOE e BNG que se desculpen polas súas críticas daqueles momentos á xestión dos populares, tanto en Madrid como en Galiza.

Claro, entón é cando un se mira ao espello a ver se é que ten cara de parvo, que efectivamente pode ser –véxase a foto que se adxunta a este artigo-, pero nos casos que así non sexa, a explicación alternativa é que ou hai moita ignorancia, ou moita frivolidade á hora de exercitar o “todo vale” electoral.

A ver, señores/as do PP: para os que non o saiban e para os que simulen (sen moita fortuna) non sabelo: Un avogado é un avogado, non un xuíz. A misión do avogado é defender ao seu cliente, sexa persoa física ou xurídica. Daquela, a misión do avogado do Estado é defender as actuacións do Estado como ente diante da xustiza. Non é o avogado nin do PP nin do PSOE, é o avogado do Estado. Daquela, non é en absoluto vinculante nin moito menos definitivo que defenda as actuacións do Estado alí onde lle toque defendelas. Quen terá que tomar a última decisión será un xuíz. Aínda máis: o que defende o avogado do Estado é a inocencia en responsabilidades penais, que é o que se discerne ‘sub iudice’.

Non ten nada que ver coas responsabilidades políticas que se esixiron no seu momento. Que Rajoy falase de “fíos de plastilina” ou que Fraga dixese que “todo vai sobre rodas” non é cousa que deba xulgalo un xuíz, senón os/as electores/as como de feito xulgaron. Presentar daquela este informe da Avogacía do Estado como algo diante do cal PSOE e BNG se teñan que desculpar, ou é sinónimo dunha cachondez mental considerábel, ou é proba de que algúns argumentos políticos do PP cada vez teñen menos por onde collelos.

Iso, por non falar do daquela cualificado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza como “apagón informativo”, en referencia á escandalosa censura exercida polos medios públicos e certos privados (?) que sobrevivían-viven por obra e (des)graza de mamá subvención, á hora de (des)informar sobre aquela auténtica desfeita.

Claro que en certos ambientes, os verbos impersoais veñen que nin pintados á hora de desinformar. Lembro como unha persoa criticaba a Quintana por empregar “Galiza”. Por que? Pois porque “dixeron” que era incorrecto.

Claro, logo pregúntaslle quen o dixo, e a resposta é “Ai, non sei, eu lin que o dixeron”. E así, rigorosidades como esta sérvenlle, por exemplo, a López Chaves para montar os seus grotescos “numeritos” no Parlamento. Pois con isto outro tanto. “É que dixeron que o Estado non tivo a culpa do do Prestige”.

Pero quen, señor o señora? “Ai, non sei, dixérono”. E así seguimos. Por se algúns non esmagaran xa abondo o seu prestixio co tema do Prestige, agora o seu afán por desprestixiar a outros pódeselles volver na súa contra.

Comentarios