«Pretendemos que non se esqueza a Miguel»

Os pais, a irmá e a filla de Miguel Pazos asistiron ao homenaxe, ao que tampouco faltaron compañeiros do BNG e da confraría de San Telmo, da que fora patrón maior. david freire
photo_camera Os pais, a irmá e a filla de Miguel Pazos asistiron ao homenaxe, ao que tampouco faltaron compañeiros do BNG e da confraría de San Telmo, da que fora patrón maior. david freire

POIO. «Que non se esqueza a súa figura. Iso é o que pretendemos», declarou onte o alcalde de Poio, Luciano Sobral, tralo emotivo acto de homenaxe a Miguel Anxo Pazos Barro, o concelleiro nacionalista e patrón maior da confraría de San Telmo, falecido hai xusto catro anos nun fatídico atropelo en Marín.

Catro anos despois os seus familiares e compañeiros, tanto na política como no mundo do marisqueo, quixeron lembralo xunto ao lugar no que máis perdura a súa memoria: o monolito que o Concello colocou hai un tempo xunto ao Complexo Deportivo de A Seca, que leva o seu nome.

«Foi unha persoa moi importante e estivo moi vinculada ao mundo do mar e do deporte. Para nós é un referente e lembrarémolo sempre», engadiu Sobral.

O acto tivo lugar ao mediodía e nel participaron varios familiares do homenaxeado, entre eles os seus pais, a súa irmá e a súa filla. Non faltaron representantes do Concello, como o propio rexedor ou o concelleiro de Turismo Xosé Luís Martínez, tamén responsable local del BNG; compañeiros da agrupación, outras figuras do nacionalismo galego como Bieito Lobeira e da confraría de San Telmo.

Deixou un oco

«Foi un acto sinxelo pero emotivo para lembrar a súa traxectoria e o seu labor ao cargo da confraría», apuntou o alcalde, quen destacou que Miguel Pazos «entendía a causa do país como tal», polo que o de onte foi «un día triste, pero tamén de esperanza e de futuro, porque para Miguel o seu obxectivo era o futuro do noso pobo».

Xosé Luís Martínez afirmou que a morte de Pazos «deixou un oco difícil de cubrir no noso Concello» e lembrou que o malogrado edil fora o impulsor das Escolas Deportivas de Poio, do campo de herba artificial A Reiboa e do torneo de fútbol 7, entre outros fitos deportivos.

Horas antes deste acto, moitos dos seus compañeiros lembraban a figura de Pazos Barros nas páxinas de Diario de Pontevedra. «Xa antes de ser concelleiro colaboraba co BNG, pois tiña uns ideais moi nacionalistas -sinalaba Luciano Sobral-. Dende que entrou no Goberno local traballou moitísimo. Eu destacaría a súa humanidade e o seu enorme compromiso coas causas nas que cría. O seu labor foi moi positivo».

Xabier Aboy, delegado do sindicato CIG-Mar, lembraba que «Miguel era home do mar, moi entregado ao seu país, á baixura e ao marisqueo, polo que loitou moito. Sempre estaba disposto a traballar e non poñía unha excusa».

Así o recordarán sempre. A homenaxe de onte rematou cunha ofrenda floral ante o monolito dedicado ao expatrón mayor de San Telmo e a interpretación do Himno Galego.

Comentarios