A primeira Escola de Banda Deseñada de Galicia ten selo pontevedrés

PONTEVEDRA. «Isto é algo que sabiamos que era necesario, porque non hai sitios en Galicia onde aprender banda deseñada. Hai que saír fóra de España para atopar universidades que teñan especialidade en banda deseñada e ilustración».

O debuxante pontevedrés Kiko da Silva presentaba onte na cidade a primeira Escola de Banda Deseñada de Galicia, O Garaxe Hermético, que vén de poñer en marcha con outros catro ilustradores de renome na Comunidade Autónoma:Fernando Iglesias ‘Orballo’ -que colaborou co Diario de pontevedra-, Jacobo e Norberto Fernández e Miguel Porto.

O Garaxe Hermético -un nome en homenaxe ao artista francés recentemente falecido Moebius- ofrecerá un curso profesional de tres anos e 700 horas lectivas, así como ‘master class’ para aquelas persoas que queren iniciarse no mundo da banda deseñada por lecer e cursos para nenos.

Esta será a terceira escola deste tipo de España, despois das de Barcelona e Madrid. «Imos formar futuros profesionais que os editores demandarán para traballar. O ‘book’ que farán será o seu verdadeiro título», explica Da Silva, que recalca que a banda deseñada en Galicia vive un momento álxido e que recoñece que o exemplo a seguir neste sector é o francés, onde se pode vivir só de debuxar.

«A banda deseñada aquí é a gran ignorada das institucións públicas», subraia.

Comentarios