‘Príncipe Felipe’ aspira a ser illa de residuo cero

A Cidade Infantil apostará pola recollida selectiva nun novo servizo de limpeza

Converterse nunha illa ecobiolóxica de residuo cero. Ese é o obxectivo que persegue a Deputación de Pontevedra co complexo socioasistencial Príncipe Felipe, o que suporía que da Cidade Infantil non saia ningún residuo orgánico e que se aposte pola redución do lixo que se xera. Para conseguilo, o organismo provincial contratará un novo servizo de limpeza cunhas condicións diferentes: terán máis puntuación as propostas que traballen para unha eficiente separación das fraccións do lixo en orixe. 

O novo contrato de limpeza quere facer oficial e obrigatorio que as fraccións do lixo estean correctamente separadas en orixe para potenciar a recollida selectiva e preparar correctamente para o tratamento cada unha das partes. Para iso dará maior puntuación ás empresas que introduzan elementos de pesado das fraccións: a parte orgánica, o papel, o vidro, os plásticos, metais e tetrabricks, así como outros residuos especiais, como pilas e elementos electrónicos ou cueiros e produtos de hixiene femenina. Todo isto permitirá ter datos moi concretos sobre as cantidades dos diferentes tipos de lixo que se xeran nos centros e así realizar controis de forma exhaustiva sobre o traballo de limpeza e separación. 

O vicepresidente da Deputación, Césareo Mosquera, salientou que ‘Príncipe Felipe’ está a ser o banco de probas do Plan Revitaliza para demostrar que este pode aplicarse en toda a provincia e subliñou que "estanse a cumprir os obxectivos de maneira sobrada". De feito,o complexo cumpre cos requisitos que a UE marca en materia de residuos para o ano 2020, cando os concellos poderían ser sancionados de non preparar para a reciclaxe o 50% do seu lixo.

Comentarios