O Centro Príncipe Felipe, ese gran descoñecido

A Deputación ofrece as instalacións ós veciños e ás entidades do contorno
O alcalde e a deputada provincial Eva Vilaverde visitaron este mércores o complexo
photo_camera O alcalde e a deputada provincial Eva Vilaverde visitaron este mércores o complexo

"Todo o mundo sabe que o Centro Príncipe Felipe existe pero non sabe ben o que hai dentro nin como se pode utilizar". Así explicaba a deputada provincial Eva Vilaverde a razón pola que convidou ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a coñecer de primeira man as instalacións e o traballo que se realiza neste centro. Vilaverde asegurou que "o noso obxectivo é darlle unha nova vida a este centro, dalo coñecer entre a sociedade, poñer en valor o traballo dos e das profesionais e abrir as súas portas ás entidades e á veciñanza".

Neste proceso de difundir as potencialidades do Centro Príncipe Felipe, Eva Vilaverde sinalou a importancia de "amosarllo ao alcalde da cidade como un primeiro paso e, por extensión, ofrecerllo a toda a veciñanza da contorna que queira empregar os recursos que aquí temos e que nolo solicite".

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores agradeceu o convite e concordou na necesidade de dalo a coñecer para aproveitalo ao máximo. Tras a visita manifestou a súa satisfacción por coñecer máis polo miúdo o centro e afirmou que "estou vendo que aquí se fan as cousas ben, e que se está traballando cunha alta calidade e con responsabilidade".

Entre as potencialidades do centro, a deputada mencionou as instalacións deportivas, o albergue, o auditorio, as aulas formativas e un local social que pode ser utilizado por entidades, asociacións e clubs de toda a provincia que o precisen e o soliciten. No eido da infancia e a educación tamén destacou o labor da escola infantil e, xa nun ámbito máis específico, os centros de día e de acollida para a infancia e a mocidade que precisan deste recurso.

"MÁIS VISIBLE". Vilaverde asegurou ademais que o novo goberno provincial está a traballar para "converter Príncipe Felipe nun centro de referencia mellorando a súa xestión para facer máis visible a súa vertente educativa".

Eva Vilaverde e Miguel Anxo Fernández Lores, acompañados polo director do centro, Xosé Ramón Couto, e por unha representación do equipo técnico, iniciaron o percorrido polo centro de día e de acollida para nenos e nenas de 0 a 7 anos e a continuación visitaron a escola infantil, os módulos de convivencia para rapaces maiores de 7 anos, o auditorio e as instalacións exteriores. Ademais do contacto cos rapaces e as rapazas dos centros e de coñecer o traballo educativo e asistencial in situ, tamén puideron profundar sobre as cuestións técnicas e pedagóxicas de cada unidade. Actualmente, en Principe Felipe traballan preto de 230 profesionais que prestan atención a máis de 300 rapaces entre os centros de acollida e Educación Infantil.

A deputada aproveitou a visita do alcalde para poñelo ao día sobre o proxecto de accesibilidade ao centro.

Comentarios