Probabelmente non existe

Desde que ao ateísmo lle deu por facerse visíbel sobre catro rodas (ou as que teña un bus, que non sei cantas serán), estamos a asistir nestes días a curiosos e en non poucos casos esperpénticos debates a prol ou na contra da famosa campaniña de marras.

Non serei eu quen lle bote máis grella ao lume, entre outras cousas pola perda de tempo que iso me supón. Ademais, como dixera no seu día un amigo meu moi crente, estes sempre levarán as de gañar: ''Se Deus non existe'', dicía el, ''como despois da morte xa non haberá nada, os ateos non poderán vir onda nós para se riren e dicirnos: Vedes como non hai Deus?.

Pola contra, se Deus existe, haberá vida despois da morte, e nós poderemos ir onda os ateos a rirnos deles: Vedes como si hai Deus?''. E claro, diante deste desequilibrio de forzas, máis vale non entrar en leas de ningún tipo.

Ben é certo que os/as ateos/as tamén poden facer valer a súa forza argumental empregando autobuses urbanos na súa campaña, porque moitos deles van tan ateigados de xente que neles non entra nin Deus, ou non hai deus que entre, e daquela velaí vai o mito da omnipresencia e omnisciencia divinas.

Pero miren vostedes por onde, postos a falarmos de autobuses e deuses, mesmo que sexan terrenais, veño de enterarme dunha máis ca curiosa nova. Supoño que saben que estamos en xeira de eleccións (digo ''supoño'' porque os políticos sempre procuran levar con discreción supina esta circunstancia, sobre todo cando dormen).

Ben, pois como ben saben, un dos viveiros máis suculentos de votos para os políticos galegos, sobre todo cando un escaniño ou dous poden decidir un goberno, atópase nos votos da emigración.

E como alí parece que o tempo non pasa para moitos, porque algúns poden votar mesmo desde a vida de ultratumba, seica quedaron espetadas no túnel do tempo certas instantáneas que, a xeito de publicidade electoral, andan a lucirse nestes días polos autobuses da capital arxentina.

Nelas pódese ver un cartaz electoral do Partido Popular no que aparecen o candidato da formación á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a carón de… Manuel Fraga. Si, miñas donas e meus señores. Don Manuel fai acto de presencia, aínda que sexa fotográfica –e unha vez máis, cun lifting integral de testa a dedo meimiño do pé-, na campaña electoral da emigración galega.

E a verdade é que non se sabe moi ben cal é o fin último desta sorprendente aparición: se confundir aos moitos amigos que lle quedan ao vilalbés naquelas terras facéndoos crer que é el quen loita pola presidencia, se facerlles ver que, sexa quen sexa o candidato, a sombra de don Manuel sempre estará aí sobre este alumeándoo e posuíndoo para dirixir os seus des(a)tinos; ou simplesmente aproveitamento e aforro de papel xa impreso no seu momento, por aquilo de gardar os cartiños dado que ao non estar desta volta no Goberno, non se poden xa facer campañas encubertas a costa do erario público.

En calquera caso, coido que esta especie de cerimonia da confusión que comezou o PP da emigración, facendo lucir nos carteis a un Manuel Fraga que pouco ou nada pinta xa na política galega, debería ser convenientemente aclarada e explicada.

E aproveitando dunha banda o emprego autobuseiro que se está a facer na campaña, e doutra a polémica de moda cos famosos buses ''ateos'', pois poderíase facer un lema tal que así para os votantes de alén o Atlántico: ''Probabelmente Fraga non existe. Despreocúpate e vota tranquilo''.

Non existe na campaña, abofé, que xa sabemos que a data de hoxe don Manuel segue a ser unha realidade constatábel e perceptíbel. Pero sexamos claros, non confundamos, e deixemos a cada quen no seu sitio: para a cita electoral do vindeiro 1 de marzo, a que vai determinar o vindeiro presidente de Galiza para os próximos catro anos, don Manuel Fraga, malia os agarimos que conserve polas Américas, non existe. Non existe… probabelmente.

Comentarios