A Procesión das Antorchas ilumina a noite na parroquia de A Insua

O acto, no que se mesturan relixión e tradición cultural, é un dos máis singulares de Ponte Caldelas
Numerosos veciños tomaron parte na procesión
photo_camera Numerosos veciños tomaron parte na procesión

A singular procesión nocturna de A Insua supuxo o pasado sábado o punto culminante, como cada penúltimo sábado de agosto, ás festas en honor a Virxe das Dores. O acto, no que se mesturan relixión e tradición cultural, é un dos máis singulares de Ponte Caldelas. Nesta ocasión volveu contar coa asistencia do alcalde, Andrés Díaz.

A veciñanza pasa varios días elaborando as numerosas alfombras florais que engalanan o percorrido da procesión, que sae do adro da igrexa e transita por camiños estreitos e antigas corredoiras, para rematar nunha forte pendente que conduce á praza central da parroquia, a carón da estrada autonómica. A procesión transcorre iluminada polos pequenos fachos que portan os seus participantes e os que se colocan nos muros e nas casas, case todas elas engalanadas para este día.

Á chegada á praza tomou a palabra o alcalde, quen felicitou á xente da comisión organizadora por "manter viva a tradición" e por tomarse o esforzo de organizar todos os detalles dun evento que segue atraendo a centos de persoas, non só desta parroquia, senón tamén doutras e mesmo doutros concellos. Tomaron tamén a palabra varios veciños e mesmo se interpretou unha cantiga alusiva á festividade.

Ás alfombras florais do percorrido, que só pisan as autoridades relixiosas e os portadores da imaxe, sumáronse tamén este ano fermosos tapices no adro de todos os lugares da parroquia.

Comentarios