"As acusacións infundadas, fóra de lugar e que non teñen razón de ser non favorecen o diálogo"

"Proximamente haberá novidades sobre a piscina municipal"

Félix Juncal, alcalde de Bueu, leva preto dunha década á fronte da Alcaldía do municipio e conta cunha ampla maioría absoluta na Corporación municipal. Os proxectos en marcha e os pendentes, a súa relación coas outras forzas políticas no Concello e o seu futuro na política son algúns dos temas que aborda nesta entrevista
Félix Juncal, alcalde de Bueu.
photo_camera Félix Juncal, alcalde de Bueu.

O Nacionalista Félix Juncal preside o Goberno municipal de Bueu dende 2007 e conta neste mandato cun equipo formado por doce concelleiros, do Bloque Nacionalista Galego, dos 17 que forman a Corporación.

Cales son os principais proxectos en marcha e pendentes nestes momentos?

Estamos nun momento no que existen enormes dificultades para xestionar un concello por todas as restricións que existen e que manan directamente do Goberno central, que dende o ano 2012 -dunha maneira más ou menos encuberta-, está intervindo nas decisións que se poden estar adoptando na esfera municipal, sobre todo coa política financeira, especialmente de gastos. A pesar disto, o Concello de Bueu está nunha dinámica permanente que iniciamos hai practicamente unha década. Neste momento está executando proxectos e, ao tempo, estase traballando noutros de cara ao futuro inmediato. E na nosa retina hai sempre un proxecto importante: a piscina municipal. Ademais, nestes momentos estamos elaborando o prego dunha actuación moi importante para nós: a rehabilitación da carpintería de ribeira.

Un dos temas pendentes é a piscina. En que situación se atopan as xestións para esta infraestrutura tantas veces demandada?

Proximamente haberá novidades, espero, sobre o proxecto, polo menos nunha primeira parte, no que respecta a que o Concello recupere o uso duns terreos que no seu momento, no ano 2006, se puxeron a disposición. No 2009 chegou un escrito por parte da Xunta de Galicia onde poñía de manifesto que tiña intención de iniciar o expediente de contratación das obras, despois da lóxica sinatura dun convenio entre as dúas administracións. Iso quedou frustrado, en parte, polo cambio político na Xunta de Galicia, e en parte pola irrupción da crise económica e as reducións importantes que se adoptaron para a rebaixa do gasto público. Nestes momentos, o Concello quere recuperar eses terreos para, a partir de aí, tomar decisións para o financiamento da piscina. Non renunciamos a que a Xunta de Galicia e a Deputación provincial apoien este proxecto, prometan o financiamento e poidamos poñer o expediente de contratación das obras en 2017.

Compostaxe: "Os proxectos da Mancomunidade e da Deputación son complementarios, para nada contraditorios"

Bueu está a promover unhas políticas locais orientadas á ecoloxía e á economía sostible. Cales son as metas?

O Concello estase movendo en varias frontes, pero sempre coa vista posta no que debe ser a recuperación que tivo no seu momento a terra, pero loxicamente actualizando todos os sistemas e hábitos de traballo e dependencia. Vemos que hai un motor económico por utilizar, que nestes momentos temos totalmente esquecido e que nos ocasiona problemas na sustentabilidade. Se os montes e as fincas non se limpan, traballan ou coidan, convértense nun problema colectivo. Por outra banda, estímase que esa recuperación da relación coa terra vai modificar os hábitos cara a un consumo máis responsable e máis saudable.

E terá impacto tamén na economía local...

Se somos capaces de consumir o que producimos -indirectamente- son recursos económicos. Se podemos producir algo máis, necesitamos espazos de comercialización, que tamén son recursos. A partir de aí despréndense diferentes accións, como Ecobueu, unha experiencia piloto que puxemos en marcha e que está a dar moi bos resultados no que é a sensibilización da cidadanía sobre a necesidade de modificar os hábitos de vida. Afortunadamente, eses proxectos estanse consolidando cada vez máis. Agora mesmo estamos actuando no contorno da Praza de Abastos, nun espazo que se está a utilizar semanalmente para a venda de produtos do campo, que queremos seguir potenciando, pero que cumpra cunha serie de requisitos ou esixencias, como que sexan produtos procedentes da agricultura ecolóxica ou tradicional.

Bueu adheriuse ao plan provincial de compostaxe e tamén participa noutro de tratamento do lixo coa Mancomunidade.

Para nós é moi importante recuperar a filosofía do plan de residuos da Mancomunidade do Morrazo de mediados dos anos 90. Esa aposta é tamén decidida por parte da entidade e pola Deputación. Son dous proxectos complementarios. Procuran a recuperación e transformación dos residuos para convertelos nun produto. Nestes momentos estamos pagando pola incineración dos residuos orgánicos, cando podemos transformalos nun produto, que é abono.

Bueu fai os deberes no tocante ao saneamento da ría?

Despois dunha polémica que se suscitou fai uns meses, demostrouse que Bueu, dende o primeiro momento, non é parte responsable dos problemas de saneamento da ría. Formamos parte dela e estabamos dentro dese grupo de concellos que ten un punto de verquido, que no noso caso é o aliviadoiro da EDAR de Cabalo, pero queda perfectamente demostrado que Bueu non efectúa verquidos de forma regular. Iso non significa que non haxa problemas de xeito puntual.

Comentarios