PSOE e BNG apoian a iniciativa que reclama información en galego no eido socioeconómico

"Supón un paso máis para lograr a igualdade real e efectiva no tratamento e o uso" da lingua, declarou a deputada socialista Concepción Burgo

O PSdeG anunciou este luns o seu respaldo á iniciativa lexislativa popular (ILP) que, a instancias da Mesa pola Normalización Lingüística, pide garantizar os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.

A través dun comunicado despois de que a deputada socialista Concepción Burgo se reunise con representantes desa entidade cultural, o PSdeG considerou esa iniciativa "perfectamente razoable e necesaria" esa reforma normativa.

"Supón un paso máis para lograr a igualdade real e efectiva no tratamento e o uso do galego", resaltou a parlamentaria lucense, quen reivindicou o exercicio do dereito á información e á atención en galego no ámbito socioeconómico.

Posteriormente, nun comunicado, A Mesa pola Normalización Lingüística destacou que, xunto co PSOE, as deputadas do BNG Olalla Rodil e Montse Prado tamén comunicaron este luns ao presidente da entidade que promove o galego, Marcos Maceira, o voto favorable do seu grupo.

Maceira continuará este mércores a súa rolda de contactos co secretario xeral de Política Lingüística, co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e co Grupo do PPdeG.

Comentarios